A Xunta promove unha estratexia para o lácteo baseada no impulso á calidade para mellorar os prezos

Así o explicou no Parlamento o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, quen demandou ademais unha maior implicación dos sindicatos, das cooperativas e das organizacións de produtores na negociación dos prezos

Sinalou ademais que a Consellería do Medio Rural xestiona preto de 1.600 trampas no campo e en almacéns, para controlar a expansión da couza guatemalteca da pataca

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) fixo unha valoración moi positiva da vendima de 2018 na DO Rías Baixas, o que permitirá tamén, ao seu xuízo, elaborar viños de moi boa calidade

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2019

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, informou esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento galego de que a Xunta está traballando nun estudio “pormenorizado e completo” sobre a situación actual do sector lácteo, para identificar as súas debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades.

Neste sentido, José Balseiros sinalou por exemplo a necesidade de reforzar a posición negociadora dos gandeiros en relación co prezo e de potenciar o papel negociador dos sindicatos, das cooperativas e das organizacións de produtores. Así mesmo, falou da importancia de reorientar a produción, de ampliar a base territorial das explotacións ou de mellorar a súa xestión empresarial, entre outros aspectos.

O director xeral anunciou ademais a constitución dun grupo multidisciplinar para trazar unha estratexia neste eido produtivo, con presenza de todos os axentes, así como de expertos e investigadores. “Agardamos que de aí saian propostas para facer avanzar o sector”, no sentido de diversificar a produción cara a derivados lácteos e de potenciar o pastoreo e sobre todo a calidade, para conseguir mellores prezos, dixo Balseiros.

Tamén en relación co lácteo, o director xeral destacou a próxima entrada en produción dunha nova industria de gran capacidade na localidade coruñesa de Curtis que ten previsto procesar uns 70 millóns de litros de leite ao ano nunha primeira fase inicial, sendo o seu obxectivo moito máis ambicioso unha vez que acade a súa produción total.

Residuos gandeiros

Noutra orde de cousas, o director xeral advertiu que é preciso tomar medidas para o control e tratamento dos residuos gandeiros, unha tarefa non exenta de dificultades e na que –sinalou– está a traballar a Xunta, dentro da súa estratexia global para a produción alimentaria en xeral. En todo caso, puntualizou que a situación en Galicia é mellor que noutras zonas punteiras en Europa en canto á produción gandeira e avanzou a necesidade de actualizar a normativa ao respecto. Ao tempo, pediu responsabilidade e cautela a determinados voceiros, caso dunha eurodeputada e dalgún sindicato agrario, que xeraron alarma social e puxeron a Galicia no foco europeo, cando –reiterou– na nosa comunidade non se superan os límites de contaminación, como demostran as analíticas realizadas, e con esa actitude pódese prexudicar a imaxe do agro galego e dos seus produtos, dixo.

Sobre a loita contra a couza guatemalteca da pataca, José Balseiros indicou que Medio Rural ten repartidas no territorio galego un total de 1.111 trampas no campo para capturas deste insecto. Ademais, existen outras 470 trampas instaladas en almacén. O director xeral insistiu en que en función dos resultados deste trampeo determinaranse aqueles concellos que leven máis de dous anos sen capturas, nos que nun futuro próximo poidan levantarase as restricións establecidas na normativa.

Vendima nas Rías Baixas

Por outra banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, fixo unha valoración “moi positiva” da vendima de 2018 na denominación de orixe Rías Baixas. En resposta a unha pregunta sobre este asunto, Rodríguez informou de que a cantidade de uva colleitada superou os 38.500 quilos, sendo a terceira maior da historia e amosouse convencido de que o éxito da campaña permitirá a elaboración de viños de moi boa calidade.

En materia de formación agroforestal, o director da Agacal indicou –en resposta a outra pregunta– que o número de alumnos matriculados nos diferentes ciclos formativos ofertados polos centros que dependen da Consellería do Medio Rural no presente curso ascende a 344, no que atinxe á formación regrada, que abarca ciclos de grao medio e superior. A maiores, Manuel Rodríguez explicou que no eido da formación continua ao longo do ano 2018 impartíronse por parte das entidades propias da Agacal preto de duascentas accións formativas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/03/2019