A Comisión superior de dereito civil acorda comezar co estudo de diversas áreas para actualizar o dereito civil na nosa comunidade

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe o pleno deste órgano consultivo

Os grupos de traballo estarán centrados no estudo sobre dereitos reais, os contratos, réxime económico familiar e alimentos, e sucesións

Forman parte da Comisión representantes do Consello da Cultura galega, da Avogacía, notarios, procuradores, rexistradores e TSXG, entre outros

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2019

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión do pleno da Comisión superior para o estudo do desenvolvemento do dereito civil galego, un órgano consultivo da Administración autonómica nesta materia. Na reunión participou tamén o conselleiro do Medio Rural, José González.

O obxecto da reunión da Comisión foi a creación de varios grupos de traballo cuns coordinadores ao fronte e nos que formarán parte membros da Comisión que serán responsables de emitir un informe sobre cada un dos relatorios que serán presentados na vindeira reunión.

Os grupos de traballo creados nesta reunión teñen como premisa revisar a aplicación do dereito vixente na nosa comunidade. Así, desta volta serán temas de estudo, os dereitos reais, que engloba montes, muíños de herdeiros e relacións de veciñanza, os contratos; o réxime económico familiar e alimentos; e as sucesións.

A Xunta volveu poñer en marcha a Comisión Superior para o estudo do desenvolvemento do Dereito Civil Galego para analizar os principais problemas e necesidades que ten hoxe en día a materia e tomarlle o pulso á Lei de Dereito Civil de Galicia, cuxa última modificación tivo lugar no ano 2006. A Comisión Superior de Dereito Civil Galego é o órgano consultivo encargado de realizar estudos e emitir ditames e informes sobre o Dereito Civil galego, unha materia que regula aspectos tan importantes na vida diaria dos galegos como a protección de menores, os montes en man común, as servidumes de paso ou os testamentos e os pactos sucesorios, entre outras cuestións.

Forman parte da Comisión por parte da Xunta o Vicepresidente da Xunta; a secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia; o director xeral de Xustiza; o director da Asesoría Xurídica e ase mesmo, están representados no órgano o Consello da Cultura Galega, o Consello de Avogacía de Galicia, o Consello Galego de Procuradores, o Colexio Oficial de Rexistradores da Propiedade, o Colexio Notarial de Galicia, a Academia de Xurisprudencia e Lexislación, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e as Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/03/2019