O programa Vía Lugo ten aberto o prazo de admisións para impulsar proxectos emprendedores innovadores

Ata o día 1 de abril pode solicitarse a participación nesta iniciativa que promoven a Xunta e a Zona Franca de Vigo e na que colabora a Confederación de Empresarios de Lugo

Lugo, 15 de marzo de 2019

Ata o día 1 de abril poden remitirse solicitudes de inscrición no programa Vía Lugo, enmarcado na aceleradora Vía Galicia que promoven a Xunta de Galicia e a Zona Franca de Vigo e na que colabora a Confederación de Empresarios de Lugo, entre outros organismos.

Trátase dun programa de alto rendemento de ata 18 meses de duración para impulsar proxectos innovadores e potencialmente rendibles, que baixo a supervisión dun equipo de expertos combina aspectos como formación, titoría, asesoramento especializado, espazo de traballo ou financiamento, co fin de validar a proposta, poñer en marcha e acelerar as iniciativas seleccionadas.

A Xunta participa na iniciativa a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, principalmente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e da Axencia Galega de Innovación (Gain).

Nas primeiras fases avalíanse os progresos das propostas e os equipos participantes, coa finalidade de que os mellores proxectos sexan presentados a inversores e socios industriais para o seu financiamento e consolidación.

Esta é a sexta edición do programa, que habilitará dúas sedes -en Vigo e Lugo- ata a fase de aceleración. Nas primeiras etapas, a celebrar en Lugo ao longo deste ano, os proxectos pasarán distintas seleccións e participarán en sesións, titorías e prácticas para poder definir mellor a iniciativa, ata que queden un máximo de 15.

En xaneiro do próximo ano pasarán á fase de aceleradora na que xa se formaliza a constitución da sociedade e se traballa para poñela en marcha. En principio está previsto que os proxectos resultantes de ambas sedes celebren estas sesións de forma conxunta no Centro de Negocios de Porto do Molle en Nigrán, se ben poderían reorganizarse estas fases en función do número de candidaturas presentadas en cada sede.

Vía Galicia, como aceleradora pública, non só busca proxectos rendibles que garantan o retorno dos investimentos, senón que persegue obxectivos como a creación de empresas que diversifiquen o tecido empresarial galego, modernizar e dinamizar sectores estratéxicos, promover a transferencia de coñecemento, crear emprego cualificado ou atraer talento á comunidade.


A inscrición dos proxectos pode realizarse online na web de Vía Galicia, na que tamén se poden descargar as bases da convocatoria.
 

Data de actualización: 15/03/2019