Galicia vai mercar unha vacina antimeningocócica tetravalente para comezar a administrala logo do verán

Tamén iniciarase a vacinación en adolescentes, concretamente en tres cohortes, nos nados nos anos 2001, 2002 e 2003

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2019

A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia xa iniciou os trámites para a compra da vacina antimeningocócia tetravalente e empezará este ano, tras o verán, a vacinación aos 12 anos. Tamén porase en marcha unha campaña de vacinación en adolescentes, concretamente en tres cohortes, nos nados nos anos 2001, 2002 e 2003.

Con esta actuación, o Goberno galego amosa o seu compromiso co Programa Galego de Vacinación, impulsando as melloras consensuadas entre todas as comunidades autónomas o máis rápidamente posible para producir un beneficio na saúde da poboación galega.

A Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, tras revisar o informe da ponencia de vacinas, acordou modificar a pauta de vacinación fronte á enfermidade meningocócica, cambio ao que se suma Galicia. O acordo consiste en substituír a dose de 12 anos da vacina antimeningocócica monovalente fronte ao serogrupo C, por unha vacina tetravalente que protexe contra máis tipos, concretamente contra o A, C, W e Y.

Ademais, porase en marcha unha campaña de vacinación extraordinaria con esta vacina entre os adolescentes, concretamente nos nados entre os anos 2001 e 2006, empezando polas cohortes de máis idade, para vacinalos a todos nun prazo de 2-3 anos.

Esta decisión adóptase para previr casos dos serogrupos Y e sobre todo W, ante a constatación de que están empezando a circular (aínda con moi poucos casos) no noso país, especialmente unha cepa especialmente virulenta do W.

A experiencia do Reino Unido e de Holanda con esta mesma cepa aconsella non agardar máis e anticiparse vacinando, para protexer de maneira directa a cohortes de poboación infantil expostas (12 anos e adolescentes) e buscando conseguir unha protección indirecta de toda a poboación, pois ao vacinar aos adolescentes, que son os principais portadores e difusores do meningococo, elimínase este xerme da súa gorxa e diminúe a circulación desta bacteria e a exposición da poboación á mesma; reducindo, polo tanto, os casos en todas as idades.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 15/03/2019