O presidente da Xunta visitou esta mañá as instalacións do grupo empresarial Pontevedresa Group
Feijóo enxalza a capacidade do tecido industrial galego para innovar, crear produtos de valor de engadido e expandirse a novos mercados

Refírese como exemplo á Pontevedresa Group un dos poucos fabricantes europeos de vidro lixeiro temperado e que conta con divisións centradas en sectores como o naval, a automoción e o contract

Ponte Caldelas (Pontevedra), 15 de marzo de 2019

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe a capacidade do tecido industrial galego para innovar, crear produtos de valor engadido e expandirse a novos mercados; e referiuse ao grupo empresarial Pontevedresa Group, como exemplo de empresa veterana galega que sabe renovarse cos novos tempos: “como exemplo de 60 anos de historia, de 60 anos de esforzo, de determinación e de éxito”, dixo.

Durante unha visita ás súas instalacións, Feijóo subliñou o esforzo, a actitude emprendedora e a visión de negocio deste empresa, cuxa experiencia convértena na multisectorial de vidro máis antiga de España, pero tamén nunha das máis innovadoras do mercado que, ademais, emprega tecnoloxía 100% galega.

“Estamos a falar dunha empresa que consolida un investimento de 12 millóns de euros, que optou pola diversificación e que sempre soubo imprimir aos seus produtos o valor engadido da innovación”, abundou, lembrando que, na actualidade, este grupo conta con dúas divisións centradas en sectores como o naval e a automoción; e noutro sector que está despuntado con forza en Galicia como é o sector do contract.

Para ambas as dúas, Pontevedresa Group ofrece os produtos máis avanzados do mercado, tendo en conta que é dos poucos fabricantes europeos de vidro lixeiro temperado, e que conta cunha unidade de impresión dixital sobre vidro que é a máis grande de Europa para arquitectura e automoción.

Ao longo da visita, o presidente da Xunta aseverou que este carácter pioneiro fai que esta empresa leve hoxe os seus produtos por Europa, América Latina, África e Oriente Medio, onde conta con máis de 5.000 clientes; cun nivel de exportacións directas récord do 17% e cunhas exportacións pasivas que ascenden ao 50%.

Feijóo concluíu incidindo en que, neste momento, Pontevedresa Group é un dos expoñentes do sector contract galego, que leva participado en proxectos nacionais e internacionais para diferentes cadeas hoteleiras; establecementos comerciais; ou, por exemplo, no Museo de Nantes, onde instalou un innovador produto que fabrica unha modalidade que fusiona vidro e pedra. “Unha empresa que sabe como ser máis competitiva, máis exportadora e como crear produtos de valor engadido”, sinalou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/03/2019