A Xunta destaca a implicación do tecido empresarial do Salnés nos programas integrados de emprego

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Sanxenxo no I Encontro Emprega Salnés

Sinala que o programa celebra a súa oitava edición na comarca onde xa se beneficiaron 645 persoas en situación de desemprego

Indica que os empresarios e autónomos son os motores das economías locais xerando riqueza e emprego e informa da resolución do Galicia Emprende que en 2018 apoiou 85 proxectos empresariais que permitirán crear ou manter 266 empregos

Sanxenxo (Pontevedra), 15 de marzo de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a implicación do tecido empresarial da comarca do Salnés nos Programas Integrados de Emprego que se celebran nesta zona. Así, durante o I Encontro Emprega Salnés, un total de 26 empresas foron distinguidas polo seu labor neste eido.

Conde puxo en valor o papel do tecido empresarial como creador de riqueza e de emprego nas economías locais e agradeceu a súa contribución, xa que o programa Emprega Salnés vai pola súa oitava edición e, desde a súa posta en marcha, ten permitido beneficiar a 645 persoas desempregadas, ofrecendo formación cualificada e adaptada ás necesidades da súa contorna.

Para contar cunha Galicia máis competitiva, estase a apostar pola simplificación administrativa, os incentivos fiscais e no acceso ao solo, así como as axudas económicas para dinamizar o tecido empresarial. Neste sentido, destaca a posta en marcha da Lei de implantación empresarial e a iniciativa dos Concellos Emprendedores, á que xa se sumaron 121. A comarca do Salnés, con cinco, é un exemplo ao sumar preto dun terzo dos Concellos Emprendedores de toda a provincia. Desde a súa adhesión, estes cinco municipios crearon un total de 57 empresas.

Na súa intervención, Conde trasladou aos presentes as medidas postas en marcha polo Goberno galego para impulsar o tecido empresarial e avogou por que todos os axentes se manteñan unidos para mellorar a súa competitividade.

Galicia Emprende

Tal e como informou o conselleiro, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da segunda convocatoria do 2018 do programa Galicia Emprende. En total, contabilizando as dúas convocatorias do pasado ano, a Xunta, a través do Igape, destina 2,5 millones de euros para apoiar 85 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos que prevén desenvolver investimentos de 8,35 millones de euros e crear ou manter 266 empregos.

As iniciativas abranguen actividades do sector industrial como a fabricación de maquinaria para a industria metalúrxica; do sector agroalimentario como a elaboración de viños ou de pan e bolería; e dos servizos como unha clínica de fisioterapia e podoloxía ou un restaurante especializado en comida mexicana. O investimento medio por proxecto é de preto de 100.000 euros, correspondéndose preto da metade das iniciativas ás impulsadas por autónomos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/03/2019