O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou hoxe na Comisión de seguimento deste plan
A Xunta e os concellos da área de Lugo acordan por unanimidade renovar para 2020 o Plan de Transporte Metropolitano, cun orzamento de preto de 110.000 euros
Lugo, 15 de marzo de 2019

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou hoxe na Comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano de Lugo, que acordou por unanimidade a renovación do Plan para o ano 2020, cun orzamento de preto de 110.000 euros.

Segundo este acordo, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achegará case 90.000 euros, correspondéndolles ao conxunto dos 9 concellos integrantes da área de transporte preto de 23.000 euros.

Este plan permite viaxar na área de Lugo a través dun sistema de billete único e da coordinación entre o transporte interurbano e o bus urbano. Os usuarios que aboan as viaxes coa tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia acceden a descontos nas viaxes interurbanas e dispoñen de gratuidade nos transbordos co transporte urbano.

O convenio prorrogado hoxe supón tamén descontos adicionais do 15% para os usuarios recorrentes (aqueles que realizan máis de 40 viaxes ao mes) e bonificacións tamén para membros de familias numerosas, neste caso de entre o 20% e o 50% en función da categoría.

Ademais, os menores de 19 anos poden viaxar de balde empregando a tarxeta Xente Nova.

A Área de Transporte Metropolitano de Lugo está integrada por un total de 9 concellos: Baleira, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Lugo, Outeiro de Rei e Rábade.

O Plan de Transporte Metropolitano de Galicia está a funcionar actualmente en cinco áreas de Galicia (A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo e Lugo) con 65 concellos incorporados.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/03/2019