Galicia difunde a calidade dos produtos do mar no mercado americano coa súa presenza na feira Seafood de Boston

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, visitará o vindeiro luns a feira co obxectivo de promocionar os produtos pesqueiros galegos e apoiar ás empresas presentes no evento

A Xunta participa neste certame desde o ano 2015 e nesta edición faino cun posto institucional de 165 m2 que alberga a 12 empresas coexpositoras

Durante a súa estancia nos Estados Unidos a directora xeral tamén manterá un encontro con entidades sectoriais da zona e outro coa directora da División de Asuntos Oceánicos e de Dereito do Mar da Organización das Nacións Unidas

Santiago, 15 de marzo de 2019

A Consellería do Mar participará na feira Seafood Expo North América 2019, que se celebra en Boston desde o domingo 17 ao martes 19 de marzo. A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez Moreda, visitará o luns 18 as 12 empresas galegas que acolle o posto da Xunta de Galicia e realizará un percorrido polas instalacións da feira co obxectivo de promocionar os produtos do mar de Galicia e de buscar novas oportunidades de negocio.

Nesta edición da feira de Boston o posto da Xunta albergará a Pescados Rubén, Fesba, Pescados Hermanos Lijó, Cassua, Frigoríficos Botana, Congelados Noribérica, Pasteurizados Cíes, Congelados Videmar, Isidro 1952, Nagreen Group, Salgado Congelados e Oversea Atlantic Fish. Ademais, tamén estarán presentes na feira con posto propio outras entidades galegas como ADM Galicia, Cabomar, Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, Grupo Ibérica Congelados, Ingeniería de Proyectos Marinos (Inpromar), Rotogal, Stolt Sea Farm, World Wide Fishing Company e, a través das súas filiais estadounidenses, Nueva Pescanova, Profand e Mascato.

A Xunta participa neste certame desde o ano 2015 e nesta edición faino cun posto institucional de 165 m2 que acolle ás empresas galegas coexpositoras dos sectores do conxelado e dos produtos do mar procesados. Este posto tamén contará cunha zona destinada a centro de negocios na que as empresas poden manter reunións co obxectivo de establecer lazos comerciais e de buscar novos clientes. Ademais nun espazo do posto realizaranse pequenas demostracións culinarias entre os visitantes cos produtos de distintas empresas coexpositoras.

A maiores, Galicia estará presente nas actividades da Seafood Expo North América, a través dunha presentación de produtos do mar galegos que realizará o cociñeiro Álvaro Villasante, do restaurante Paprica de Lugo, pertencente ao grupo Nove. Esta acción terá lugar o domingo de 13:00 a 14:00 horas na Sala Demo Cooking, que ten un aforo de 60 persoas.

Este tipo de accións axudan a difundir atractivos de Galicia como a calidade dos seus peixes e mariscos, a súa versatilidade gastronómica e o saber facer da comunidade galega no eido do mar de cara a eventos como o Xacobeo 2021.

Reunións

Durante a súa estancia nos Estados Unidos con motivo da Seafood Expo North América, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica tamén manterá un encontro con entidades sectoriais da zona co obxectivo de intercambiar puntos de vista sobre a xestión pesqueira e de buscar aliados na defensa de intereses comúns. Ademais, o mércores en Nova York reunirase coa directora da División de Asuntos Oceánicos e de Dereito do Mar da Organización das Nacións Unidas, Gabriele Goettsche-Wanli, para ofrecer a colaboración e a experiencia e buscar vías de colaboración en materia de gobernanza dos océanos e loita contra o lixo mariño.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 15/03/2019