A Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés homenaxea en Montecelo ao persoal xubilado nos centros sanitarios da área sanitaria

O acto no que se despediu a 108 traballadores que remataron a súa traxectoria profesional o pasado ano contou coa presencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e do xerente da EOXI, José Ramón Gómez Fernández

Pontevedra, 15 de marzo de 2019.- A Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés celebrou hoxe no hospital Montecelo de Pontevedra o acto de homenaxe ao persoal xubilado durante 2018 tanto nos hospitais coma na rede de centros de saúde de Atención Primaria da área sanitaria.

O acto, no que se despediu a 108 traballadoras e traballadores que remataron a súa traxectoria profesional durante o pasado ano, contou coa presencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e do xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, entre outros directivos e responsables da área.

A homenaxe deu comezo coa intervención do doutor Miguel Piñón Cimadevila, facultativo de dilatada experiencia profesional e directiva sanitaria en Pontevedra e actual director da Escola de Enfermaría da cidade do Lérez que, durante a súa intervención, destacou a importancia do traballo realizado polos profesionais homenaxeados, aos que agradeceu a súa dedicación durante todos estes anos.

Do mesmo xeito, en representación do colectivo de profesionais xubilados, deu unhas palabras á técnico especialista do Servizo de Análises Clínicas do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Consuelo Santos Vidal, quen enumerou diversos momentos e lembranzas profesionais da súa traxectoria e fixo un chamamento para que estes profesionais nunca se afasten dunha institución da que sempre formarán parte.

Tamén houbo espazo neste acto para a proxección dun emotivo vídeo de saúdo e homenaxe que o humorista e monologuista galego Carlos Blanco enviou especialmente para as traballadoras e traballadores xubilados en 2018.

Tarxeta dourada

No transcurso do homenaxe, ademais dos tradicionais obsequios, os traballadores recibiron unha tarxeta dourada que lles identifica como persoal xubilado da EOXI e, segundo o expresou o xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e o Salnés, José Ramón Gómez Fernández, “representa que seguides formando parte desta institución, que sempre o seredes e que, como tal, vos recoñeceremos todos”.

Clausurou o acto o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen transmitiu “a todos os profesionais desta Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, o seu máis sincero agradecemento polo traballo que facedes a diario para o bo funcionamento do sistema sanitario e polo ben da cidadanía de Pontevedra e de Galicia".

Para o titular de Sanidade da Xunta de Galicia, a misión permanente do Servizo Galego de Saúde é contribuír a mellorar a saúde dos pacientes, garantindo ao mesmo tempo a sostibilidade do sistema sanitario.

Vázquez Almuiña resaltou que “estou seguro que, cando elixestes esta profesión, moveuvos unha vocación tan forte que, aínda sabendo que vos esperaba un longo camiño, o afrontastes cunhas ganas inmensas. Sodes os verdadeiros protagonistas do noso sistema sanitario e os responsables do seu adecuado funcionamento e da súa mellora continua. A vosa implicación queda máis que demostrada pola capacidade de traballo e compromiso coa Sanidade Pública ao longo da vosa vida laboral que agora conclúe. Debe ser, tamén, un momento de ledicia e de satisfacción polo deber cumprido”.

O acto rematou coa actuación da Coral Polifónica O Chopo, unha foto de familia e unha comida no vestíbulo do salón de actos do Hospital Montecelo.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 15/03/2019