Xunta e sindicatos negocian os criterios que rexerán o proceso de funcionarización do persoal laboral fixo

Como novidade, a Xunta propón, atendendo a petición formulada por varias organizacións sindicais, publicar a batería total de preguntas das que se seleccionarán as correspondentes a cada exame

Tamén aclarou que é falso que se poidan usar apuntes, pero que si se poderán empregar os textos legais establecidos en cada convocatoria, como xa se fixo con anterioridade noutras probas na Administración autonómica

Este proceso será voluntario e permitirá ao persoal laboral fixo –que xa pasou unha oposición– acceder a unha categoría equivalente de funcionario

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2019

A Xunta de Galicia presentoulle hoxe ás organizacións sindicais os criterios que rexerán o proceso global de funcionarización do persoal laboral fixo da Administración galega, o primeiro proceso destas características que realiza a Xunta en toda a súa historia.

Na proposta que abordou esta mañá a Dirección Xeral da Función Pública cos sindicatos, establécese que a modalidade do proceso será a de concurso-oposición, e a fase de oposición consistirá na superación dun exercicio de carácter eliminatorio e obrigatorio, tipo test, cun número de preguntas que vai das 120 do grupo I ás 50 preguntas do grupo V.

Como novidade, a Dirección Xeral da Función Pública propón a publicación íntegra da batería de todas as preguntas que se utilizarán neste proceso, das que se fará a selección das que se incluirán en cada exame. Cada pregunta do cuestionario terá tres respostas alternativas, das cales unha será a correcta. Xunta e sindicatos negociarán tamén o número de preguntas e a composición dos temarios de cada convocatoria.

Ademais, a Dirección Xeral da Función Pública lembrou que é falso que se poidan utilizar apuntes na proba. O que figura na proposta remitida pola Xunta, atendendo ás demandas de varias organizacións sindicais, é que as persoas participantes poidan utilizar na proba os textos legais establecidos en cada convocatoria, como xa se fixo con anterioridade noutras probas na Administración autonómica.

En todo caso, a Xunta lembra que este non é un proceso competitivo –como sucede nunha oposición de acceso libre-, posto que non ten por obxecto o acceso á Administración nin o ascenso de escala ou categoría, senón a transformación voluntaria en funcionarios de traballadores que xa teñen unha praza fixa na Administración como persoal laboral porque superaron previamente unha oposición. É dicir, o persoal laboral fixo poderá converterse en funcionario de carreira accedendo a unha categoría equivalente á que actualmente ocupa.

Proceso distinto á promoción interna

O proceso de funcionarización do persoal laboral fixo é distinto e independente dos procesos de promoción interna do persoal funcionario, que permiten o progreso profesional a través dun ascenso a unha praza dun grupo superior.

De feito, a Xunta de Galicia xa pactou cos sindicatos UGT e CC.OO. outorgar facilidades aos empregados públicos que participen nos procesos de promoción interna, tal como establece o Acordo de Concertación Social asinado no mes de xaneiro. Así, este acordo establece a posibilidade de eximir –total ou parcialmente- dalgunha das probas selectivas esixidas ao persoal de novo ingreso, reducir parte do temario e gardar notas para as seguintes probas.

Data de actualización: 15/03/2019