Nava Castro salienta a destacada contribución do turismo para conservar o patrimonio etnográfico do Corpus de Ponteareas

A directora de Turismo de Galicia participou hoxe na clausura dunhas xornadas internacionais sobre o valor cultural e o potencial turístico desta festividade

Ponteareas (Pontevedra), 15 de marzo de 2019

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na clausura do I Coloquio Internacional. O patrimonio etnográfico, a propósito da celebración do Corpus en Ponteareas: valor cultural e recurso territorial, no que puxo de manifesto a crecente contribución que a actividade turística está a ter para divulgar o patrimonio etnográfico das alfombras florais do Corpus de Ponteareas.

Durante a súa intervención quixo recoñecer publicamente o traballo dos veciños e veciñas de Ponteareas ao conseguir perpetuar un ancestral ritual como este “coa sabedoría de quen sabe coidar e protexer o seu patrimonio”, explicou recordando que se trata dun obxectivo compartido coa Consellería de Cultura e Turismo. “En Galicia traballamos para que o turismo contribúa a conservar a autenticidade do noso destino, para coidar e conservar os nosos recursos, e a festividade do Corpus de Ponteareas é un gran exemplo”, indicou.

Declarada de Interese Turístico Internacional desde o ano 2009, esta celebración consegue reunir na localidade pontevedresa a numerosos visitantes interesados tamén na arte efémera das súas alfombras florais demostrando como o turismo é quen de dinamizar o patrimonio etnográfico conservándoo, manténdoo, divulgándoo e perpetuándoo no tempo.

“O turismo é un aliado do patrimonio cultural e para que así siga sendo é tamén fundamental que sigamos intercambiando experiencias para que turismo siga sendo ese bo compañeiro de viaxe que o patrimonio precisa”, indicou Nava Castro.

Data de actualización: 15/03/2019