A Xunta e a Universidade de Vigo colaboran para impulsar a utilización do granito e da madeira na construción

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou na presentación que promove a innovación na utilización destes materiais autóctonos co apoio do CIS Madeira e a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito

O obxectivo final é contribuír á innovación, a competitividade e a internacionalización das empresas galegas

O acordo asinouse no edificio de I+D que está proxectando a Universidade no Casco Vello, que terá a madeira como elemento esencial

Vigo, 18 de marzo de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que o acordo marco entre a Xunta, a través do CIS Madeira; a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito e a Universidade de Vigo para a utilización de madeira e pedra natural nas infraestruturas da institución viguesa permitirá que esta se configure como un exemplo sobre as posibilidades que ofrecen estes dous materiais autóctonos e sustentables, avanzando ao mesmo tempo na innovación tecnolóxica.

O convenio asinado hoxe busca o desenvolvemento e o emprego de novos tratamentos e materiais de madeira, pedra natural e novas técnicas construtivas. Ademais de promover o uso de produtos autóctonos, o obxectivo final é contribuír á innovación, a competitividade e a internacionalización das empresas galegas.

Tal e como destacou o conselleiro, estes dous sectores son xa moi importantes para a economía galega. Así as exportacións da madeira e do sector forestal galego medraron en 2018 un 7,7%, sumando máis de 920 millóns de euros. Ademais, a Comunidade destaca pola súa especialización na industria extractiva, co 41% das rochas ornamentais do conxunto estatal. A industria forestal e extractiva teñen tamén unha importante contribución á creación de emprego e riqueza en Galicia, e así, 90.000 familias da Comunidade están vencelladas á industria forestal e á minaría, que no seu conxunto supoñen o 2,5% do PIB galego. Apuntou o conselleiro que “esa capacidade temos que trasladala aos aspectos construtivos, é onde estamos englobando esta colaboración, precisamente para seguir impulsando de cara a futuro, desde o punto de vista técnico e tecnolóxico novos materiais e novas tecnoloxías”.

Dentro dos compromisos do convenio, búscase promover a colaboración en materia de innovación tecnolóxica, favorecendo o intercambio de información e a transferencia de coñecemento; deseñar e xestionar actuacións conxuntas dedicadas a promover e divulgar o uso e desenvolvemento de novas tecnoloxías de aplicación de madeira estrutural e de pedra natural; e a fomentar conxuntamente o establecemento de redes de innovación e de I+D, así como os consorcios públicos-privados de innovación colaborativa.

O acordo asinouse no edificio de I+D que está proxectando a Universidade de Vigo no Casco Vello, que terá a madeira como elemento esencial (en concreto, o taboleiro contralaminado), un proxecto que busca ser un referente no uso da madeira na construción. Na súa intervención, o conselleiro agradeceu á Universidade “a súa visión e o seu compromiso coa eficiencia enerxética, a sustentabilidade e os materiais autóctonos”

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/03/2019