Conde resalta en Sarria que as pemes e os emprendedores son os mellores aliados de Galicia á hora de crear riqueza e emprego

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destaca na Gala da Hostalería Lucense que as administracións teñen a responsabilidade de facilitar a chegada de novas iniciativas empresariais

Sinala que a través da Lei de implantación empresarial se busca simplificar os trámites administrativos, ademais de contemplar bonificacións fiscais de ata o 95% a través da figura dos Concellos Emprendedores, dos cales 19 son lucenses

Amosa o compromiso da Xunta para consolidar como imaxe de marca do sector hostaleiro a Galicia Calidade, que certifica xa a 40 restaurantes e hoteis

Sarria (Lugo), 1 de abril de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe en Sarria na Gala da Hostalería Lucense que os empresarios e os emprendedores son os mellores aliados que pode ter Galicia á hora de crear riqueza e emprego, apuntando que as administracións teñen a responsabilidade de acompañalos, facilitando a implantación de iniciativas empresariais.

No encontro, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, Conde resaltou o papel tanto desta entidade como de cada unha das pemes e autónomos da provincia na súa dinamización económica. Neste sentido, lembrou que o ano pasado se crearon en Lugo un total de 429 empresas, un 11,72% máis que en 2017, cun investimento de máis de 26 millóns de euros.

O conselleiro salientou que, a través da Lei de implantación empresarial, se busca simplificar os trámites administrativos, ademais de contemplar bonificacións fiscais de ata o 95% nos impostos locais a través da figura dos Concellos Emprendedores. Dos 121 municipios galegos que contan con este distintivo 19 atópanse na provincia lucense.

Para achegar ás empresas os instrumentos precisos, Galicia conta co plan de financiamento empresarial, co que se apoiarán este ano 800 proxectos de emprendedores e pemes que investirán 290 millóns de euros en Galicia.

Na súa intervención, o conselleiro apuntou que os empresarios da hostalería e do turismo teñen novos retos por diante, entre os que sinalou o Xacobeo 2021, apuntando o papel do sector na atracción de visitantes e na súa atención co mellor servizo e a máxima calidade.

Neste ámbito, Francisco Conde sinalou que Galicia Calidade certifica hoxe máis de 350 produtos e 90 empresas, entre as que a hostalería galega ten un papel moi destacado, con 40 empresas certificadas entre restaurantes e hoteis. Neste ámbito, amosou o compromiso da Xunta de seguir colaborando co sector para que Galicia Calidade se consolide como a súa imaxe de marca.

O conselleiro apuntou que o trato personalizado e un produto de primeira calidade son sinónimos da hostalería de Lugo, que o ano pasado recibiu 685.000 visitantes. Conde fixo fincapé en que Lugo ten moito que ofrecer e moito por descubrir, apuntando que natureza, cultura, gastronomía e ocio son as principais bazas do sector turístico lucense.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/04/2019