Medio Ambiente inclúe no Catálogo de árbores senlleiras un exemplar de magnolia localizado no concello de Boqueixón

Coa publicación hoxe no DOG da resolución, elévanse a 189 o número de elementos que forman parte deste rexistro público de carácter autonómico

A Consellería tivo en consideración as salientables dimensións da árbore, de 20 metros de altura e 4,5 de perímetro, á hora de darlle a cualificación de senlleira

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2019-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se fai pública a inclusión no Catálogo galego de Árbores Senlleiras dunha magnolia grandiflora localizada en Lestedo, no Concello de Boqueixón (A Coruña).

Coa incorporación deste novo exemplar, situado nunha parcela de propiedade privada no lugar da Picota, onde foi plantado polo seu valor ornamental e como complemento a un conxunto de especial protección polas súas construcións (casa, hórreo, pombal), o número de elementos que integran este censo elévase xa a 189: 151 árbores e 38 formacións pertencentes a 80 especies distintas.

Cómpre lembrar que o Catálogo galego de Árbores Senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións da comunidade que, atendendo ás súas características excepcionais, xa sexa polo seu porte, dimensións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico-educativo ou doutro tipo, merecen recibir unha protección especial.

Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, de xeito que se pode propoñer a inclusión de elementos novos tanto por parte dos seus propietarios, das administracións públicas, dos centros de investigación ou asociacións e daquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza. De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este catálogo foi obxecto xa de diversas revisións.

Na actualidade, hai 189 elementos pertencentes a un total de 80 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

 

 
Árbores
Formacións
Total

A Coruña

44
13
57
Lugo
35
6
41
Ourense
22
7
29
Pontevedra
50
12
62
Total
151
38
189

A magnolia de Lestedo

O último exemplar en incorporarse ao Catálogo galego de Árbores Senlleiras foi seleccionado polas súas destacables dimensións: con 20 metros de altura total e 4,15 metros de perímetro normal.

O fuste desta árbore, en moi bo estado de saúde e de conservación, é erguido e correspóndese coa morfoloxía característica da especie. A proxección da súa gran copa ten máis de 300 m2 de superficie.

Existen xa tres exemplares desta especie dentro do catálogo, cunhas dimensións similares ás deste: a magnolia de Santa Rita (Narón, A Coruña), de 15,5 m de altura e 6,15 m de perímetro; as magnolias grandifloras do Pazo de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra), de 18,9 e 19,0 m de altura e 5,20 e 4,5 m de perímetro; e a magnolia de Oural (Boqueixón, A Coruña), de 22,1 m de altura e 4,5 m de perímetro.

Hai anos había outro exemplar desta especie dentro do Catálogo galego de Árbores Senlleiras: a magnolia grandiflora do Pazo de Santa Cruz. Esta árbore contaba con 25 metros de altura e 4,5 de perímetro, pero foi derrubada polos temporais de chuvia de xaneiro de 2013 e unha vez constatada a súa morte biolóxica, procedeuse á súa descatalogación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/04/2019