A Xunta traballa na identificación dos novos riscos laborais asociados ao modelo da Industria 4.0

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, clausurou hoxe en Ferrol as XVII Xornadas galegas sobre condicións de traballo e saúde

Toca destaca que a formación adaptada ao novo contexto tecnolóxico e á Industria 4.0 é clave na prevención de riscos laborais

Sinala que para ter empresas saudables tamén é preciso que inclúan no seu modelo de xestión políticas vinculadas coa Responsabilidade Social Empresarial

Avoga pola colaboración entre as administracións e os axentes sociais para a mellora das condicións de traballo

Ferrol, 4 de abril de 2019

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, avogou hoxe pola cooperación entre todos os axentes sociais e económicos para converter a Galicia nun referente na prevención de riscos laborais e, polo tanto, na promoción dunha cultura baseada na seguridade e saúde no traballo. Na clausura das XVII Xornadas galegas sobre condicións de traballo e saúde, Toca sinalou que a Xunta traballa na identificación dos novos riscos asociados ás novas formas de traballo que xorden do modelo da Industria 4.0. co obxectivo de promover boas prácticas e hábitos saudables.

A secretaria xeral indicou que o novo modelo de Industria 4.0 trae consigo novos riscos derivados da utilización de novas ferramentas e métodos e das novas formas de organización. Por iso, sinalou a importancia de promover neste ámbito unha formación adaptada ao novo modelo produtivo.

Toca, ademais, puxo en valor as políticas de prevención de riscos laborais para que o tecido empresarial galego sexa saudable, resaltando tamén a necesidade de que as empresas galegas continúen incorporando nos seus modelos de xestión medidas vinculadas á Responsabilidade Social Empresarial (RSE) para ter empresas cada vez máis saudables.

Así mesmo, agradeceu a celebración deste tipo de foros que serven de encontro para os distintos profesionais que desenvolven a súa actividade nos ámbitos da prevención de riscos laborais e da seguridade industrial e para debater factores normativos, técnicos e sociais que afectan a estas disciplinas no seu labor de servizo ás empresas e á sociedade en xeral.

Nas xornadas abordáronse temáticas vinculadas ao procedemento da declaración de sospeita de enfermidade profesional; á xestión da idade e convivencia interxeracional nos centros de traballo; á prevención de riscos laborais en traballadores de atención directa a persoas dependentes; á reincorporación ao traballo despois dunha baixa de longa duración; e ás novas formas de traballo.

Para rematar, a secretaria xeral de Emprego indicou que un dos retos prioritarios da Xunta é reducir a sinistralidade laboral e, neste senso, para mellorar a saúde laboral, explicou que a Xunta, en colaboración cos axentes sociais, e, a través do ISSGA, está executando a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017/2020.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/04/2019