Medio Ambiente abre a consulta pública a inclusión no Catálogo de Árbores Senlleiras dunha formación de cedros xaponeses en Teo

Co anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia, comeza a partir de mañá un período de 20 días hábiles para que os interesados presenten as súas achegas

Trátanse de dous exemplares plantados nunha finca privada no lugar de Vilariño e que contan cunhas dimensións de 30 e 31 metros de altura, respectivamente

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2019-

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se somete a información pública unha solicitude para ampliar o Catálogo galego de Árbores Senlleiras coa incorporación dunha formación de cedros xaponeses localizada no lugar de Vilariño, no Concello de Teo (A Coruña). Deste xeito, ábrese desde mañá un período de 20 días hábiles durante o cal todos os interesados poderán presentar a documentación, observacións ou alegacións que estimen oportunas con relación á proposta.

O obxectivo de promover a inclusión dun exemplar ou formación arbórea dentro do Catálogo galego de árbores senlleiras é garantir a súa protección e conservación, ao entender que pola súa propia singularidade, merece ser preservado e inventariado.

Neste sentido, cómpre lembrar que o Catálogo galego de Árbores Senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións da comunidade que, atendendo ás súas características excepcionais, xa sexa polo seu porte, dimensións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico-educativo ou doutro tipo, merecen recibir unha protección especial.

Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, de xeito que se pode propoñer a inclusión de elementos novos tanto por parte dos seus propietarios (como ocorreu neste caso), das administracións públicas, dos centros de investigación ou asociacións e daquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza. De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este catálogo foi obxecto xa de diversas revisións.

Na actualidade, hai 189 elementos (151 exemplares e 38 formacións) pertencentes a un total de 80 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

 

 
Árbores
Formacións
Total
A Coruña
44
13
57
Lugo
35
6
41
Ourense
22
7
29
Pontevedra
50
12
62
Total
151
38
189


A información deste expediente estará dispoñible para a súa consulta nas dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en San Lázaro (Santiago de Compostela) e na Xefatura Territorial de Medio Ambiente na Coruña, aínda que tamén se poderá examinar de forma dixital a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Os cedros xaponeses de Vilariño

A solicitude que se acaba de empezar a tramitar refírese a dous exemplares de cedro xaponés -Cryptomeria japonica (Thunb. ex L. f.) D. Don-, plantados polo seu valor ornamental en paralelo á fachada norte dunha vivenda de propiedade privada no lugar de Vilariño, no concello coruñés de Teo.

Os dous exemplares presentan unhas dimensións de 30 e 31 metros, respectivamente, de altura total, e 3,27 e 3,71 metros de perímetro normal. O fuste de ambos cedros, que se atopan nun bo estado de conservación e de saúde, é erguido, non apreciándose podas e correspondendo coa morfoloxía característica desta especie.

Na actualidade, xa figuran no Catálogo galego de Árbores Senlleiras catro exemplares desta especie: unha localizada no Pazo de Santa Cruz (en Vedra), de 34,1 metros de altura e 3,87 de perímetro; outra no Castelo de Soutomaior (Soutomaior), cunhas dimensións de 28,7 m de alto e 5,52 de perímetro; outro exemplar de Criptomeria elegante no Pazo de Oca (A Estrada), con 29,7 m de altura e 4,45 m de perímetro normal; e un cuarto exemplar da variedade xaponesa no Pazo de Lourizán (Pontevedra), con 35,4 metros de altura e 3 de perímetro normal.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/04/2019