José González presidiu hoxe a posta en marcha deste órgano consultivo e asesor
A Consellería do Medio Rural constitúe a Mesa da Castaña para consolidar o liderado nacional de Galicia nestas producións

A nosa comunidade produce arredor de 20 millóns de quilos anuais de castaña, xerando un valor, unha vez transformados, que supera os 70 millóns de euros

As plantacións de castiñeiros ocupan case 46.500 hectáreas do noso territorio, ben como especie principal ou ben como secundaria en formacións mixtas

Boqueixón (A Coruña), 8 de abril de 2019

Galicia é a principal comunidade española en produción e exportación de castañas, con arredor de 20 millóns de quilos anuais. Este volume, unha vez transformado, xera un valor que supera os 70 millóns de euros en comercialización. Así o destacou esta mañá en Boqueixón o conselleiro do Medio Rural, José González, no acto de constitución da Mesa da Castaña, un órgano colexiado de carácter consultivo e asesor no que ademais da Administración autonómica están representados os principais axentes sociais e económicos galegos relacionados con este froito “tan transcendente, importante e paradigmático da nosa Galicia”, engadiu o conselleiro.

O titular de Medio Rural salientou tamén que a nosa comunidade conta cunha extensa superficie de plantacións de castiñeiros, que chegan a ocupar case 46.500 hectáreas, ben como especie principal ou ben como secundaria en formacións mixtas. Neste senso, José González insistiu en que é preciso traballar conxuntamente entre administración e sector para que “a castaña, que xa é importante na actividade económica do rural galego, medre aínda máis”.

Así, José González sinalou que esta Mesa terá como principais obxectivos funcionar como un foro continuado de diálogo e traballo no sector, así como impulsar medidas de fomento, promoción, mellora, vertebración e coñecemento destas producións. O conselleiro subliñou que a posta en funcionamento deste órgano porá en valor esta produción senlleira, o que suporá un impulso á defensa e fomento da poboación de castiñeiros da nosa comunidade e, por conseguinte, unha alternativa económica no agro que favorecerá a creación de riqueza e emprego no rural.

Nesta primeira reunión, o órgano colexiado abordou, entre outras cuestións, a certificación varietal dos castiñeiros, a recuperación dos soutos tradicionais de castiñeiros e a loita contra enfermidades que afectan estas árbores, como poden ser o cancro ou a avespiña. Precisamente, en relación a esta última, o conselleiro indicou que as previsións da Xunta pasan por soltar nesta primavera outros 1,6 millóns de parasitos torymus sinensis, sendo “a comunidade autónoma que maior esforzo realiza na loita biolóxica contra esta doenza”, matizou o conselleiro.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 08/04/2019