As axudas autonómicas de Aprol Rural impulsarán a contratación de 120 desempregados en 61 concellos lugueses

A Xunta vén de resolver a convocatoria deste programa para 2019 na que inviste 1,5M€, un 11% máis que o ano pasado

Obtiveron financiamento todos os municipios que o solicitaron, incrementando a contía para os 17 que están adheridos á iniciativa de Concellos Emprendedores

Os apoios dirixidos ás entidades locais do rural destinaranse á contratación de desempregados –durante 9 meses a tempo completo- para a realización de tarefas relacionadas coa xestión do monte e coa prevención de incendios nas faixas secundarias

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia o 100% dos contratos destinando este ano unha contía medida por traballador de 13.176€, preto dun 20% máis que en 2018

Lugo, 8 de abril de 2019

A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas do programa Aprol Rural 2019, que destina 1,5 millóns de euros para impulsar a contratación de 120 traballadores desempregados en 61 concellos rurais da provincia. O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, deu hoxe conta desta iniciativa, da que se benefician todos os municipios que o solicitaron.

En Lugo, o orzamento con respecto a 2018 crece nun 11%, e os 17 Concellos Emprendedores, que tiveron prioridade á hora de acceder a estes apoios, logran o dobre de contratos que os municipios que non contan con este distintivo autonómico que busca favorecer a actividade industrial na Comunidade.

No conxunto de Galicia destínanse en total 7 millóns de euros que posibilitarán o emprego de 531 galegos sen traballo en 268 concellos. A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará o 100% dos contratos que realicen as entidades locais do rural galego, que terán que estar vinculados á realización de tarefas relacionadas coa xestión do monte e a prevención de incendios nas faixas secundarias.

Así, os desempregados poderán contratarse para o desenvolvemento de actividades de silvicultura, limpeza de montes, a xestión da biomasa, a valorización forestal ou a planificación preventiva. O obxectivo é proporcionar ás persoas sen traballo que habitan nos concellos rurais de Galicia -aqueles que non contan con ningunha zona densamente poboada a nivel parroquial- unha experiencia práctica e profesional necesarias para facilitar a súa inserción no mercado de traballo.

A Administración autonómica mellorou este ano esta iniciativa eliminando os límites de contratación por concello e incentivando con máis contratos ás localidades fusionadas e ás adheridas ao protocolo de Concellos Emprendedores. Así mesmo, tiveron prioridade os municipios con maior superficie forestal. Aumentouse, ademais, a contía media por traballador, que este ano se sitúa nos 13.176 euros, preto dun 20% máis que o exercicio anterior, atendendo deste xeito tamén a subida establecida para o salario mínimo interprofesional.

Aprol Rural forma parte dunha medida activa de emprego dirixida á mellora da ocupabilidade das persoas sen un posto laboral. Os traballadores e traballadoras que se contraten terán que estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e a duración dos contratos será de 9 meses e a tempo completo.

O programa forma parte da Axenda 20 coa que o Goberno autonómico está a impulsar en Galicia o emprego estable e de calidade. Neste sentido, Lugo foi a provincia galega na que máis baixou o desemprego no último mes e no último ano. Os datos oficiais de marzo reflicten que 346 lucenses atoparon emprego e hai 1.688 desempregados menos que hai un ano. Ademais, o desemprego caeu en colectivos prioritarios para a Xunta, como os menores de 30 anos e parados de longa duración.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/04/2019