No marco do Pitch Day que se celebrou esta mañá en Lugo
Tres proxectos de Galicia, dous de Madrid e un de Valencia participarán na primeira edición de BFAero, a aceleradora especializada no sector aeroespacial

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, anunciou hoxe en Lugo as iniciativas seleccionadas despois dunha entrevista persoal aos candidatos e da defensa dos seus proxectos ante o comité executivo

O vindeiro mes comezará o programa de incubación e aceleración nos que terán acceso tanto a financiamento, como a espazos de traballo compartidos, plans de formación, acompañamento de mentores, servizos de asesoramento técnico e posibilidade de uso das instalacións do aeródromo de Rozas

Lugo, 10 de abril de 2019

Despois do anuncio, o venres pasado, dos dezaseis proxectos preseleccionados na primeira edición da aceleradora BFAero, especializada no sector aeroespacial e impulsada pola Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, os seus promotores tiveron que defender as súas candidaturas, primeiro nunha entrevista persoal que mantiveron onte co equipo promotor e esta mañá a través de breves presentacións ante o comité executivo no marco do Pitch Day.

Tras a deliberación do comité executivo celebrada esta mañá, a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) e presidenta deste comité, Patricia Argerey, comunicou os proxectos seleccionados e entregoulles os diplomas acreditativos. Das seis iniciativas, o 50% proceden de Galicia, mentres que as tres restantes teñen a súa orixe en Madrid e a Comunidade Valenciana.

Patricia Argerey destacou a gran concorrencia de proxectos -recibíronse un total de 54 solicitudes- e a alta calidade dos mesmos e animou ás iniciativas que non resultaron seleccionadas hoxe a madurar as súas ideas e intentalo en vindeiras edicións desta aceleradora, que ten previsto dúas convocatorias máis ata acoller 19 proxectos en total.

Ademais, Argerey lembrou que o obxectivo desta aceleradora é crear e acelerar compañías innovadoras na cadea de valor do sector aeroespacial en Galicia capaces de captar, atraer e reter talento en Galicia e subliñou que, precisamente, o talento é un factor clave para posicionar Galicia como un referente a nivel internacional en innovación no sector aeroespacial. A directora de Gain felicitou aos seleccionados, animounos a aproveitar as oportunidades que lles ofrece este programa de aceleración e incubación e agradeceu ás entidades e empresas colaboradoras a súa implicación nesta iniciativa (as empresas Indra e Babcock, o centro tecnolóxico da automoción CTAG, a Fundación CEL, diferentes colaboradores representados polo Consorcio Aeronáutico Galego e os organismos dependentes da Xunta de Galicia, Igape, Gain e XesGalicia).

Proxectos seleccionados

a) Na modalidade de incubación:

 

Nome do Proxecto
Procedencia
Descrición

Dronewind- -rpaswind-rpas eólicos
Aeromedia

Oleiros

UAV para realizar fotografías das tres palas dun eólico polo anverso e reverso, sen necesidade de parada. Rapidez na toma de datos e aforro xa que non se para a produción.

Propulsión con células de combustible de hidróxeno

Madrid

Alternativa ao uso de baterías en UAVs de ata 25 kg, mediante a produción de enerxía eléctrica por células de combustible de hidróxeno. Grazas ao que se obterán tempos de voo que triplican os actuais.

RadioUAV. Beyond the visible applications

Vigo

Un proxecto da Universidade de Vigo que participa no noso programa Ignicia de proba de concepto, que traballa no desenvolvemento de sistemas para tarefas de inspección non destrutiva, detección e identificación con sensórica activa e pasiva.

b) Na modalidade de aceleración:

 

Nome do Proxecto
Procedencia
Descrición
LUPEON
Nigrán

Deseño e optimización topolóxica de pezas estruturais de UAVs así como a fabricación aditiva de ditas pezas en composites plásticos ou metálicos co fin de reducir o peso dos UAVs e así conseguir maior autonomía de voo.

Avión VTOL de UAVWorks

Valencia

Aeronave convertible única no mundo, sinxela, de baixo custo de operación e mantemento, versátil e operativa en entornos marxinais, que ofrece grande autonomía e alcance con capacidade VTOL.

Desenvolvemento dun UAV helicóptero para aplicacións de Alpha Unmaned Systems

Madrid

Desenvolvemento dunha plataforma VTOL tipo helicóptero para uso civil.

Beneficios da participación neste programa

A partir de agora, estos proxectos comezarán en maio os programas de incubación e aceleración, nos que terán acceso, ademais de financiamento, a espazos de traballo compartidos, plans de formación adaptados ás súas necesidades, acompañamento de mentores escollidos entre profesionais do sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados, oficinas individuais equipadas, aulas de formación e servizos de asesoramento técnico que pon á súa disposición a Fundación CEL, posibilidade de uso das instalacións do aeródromo de Rozas, onde os elixidos poderán utilizar os drons de Indra e Babcock (Targus e LUA) e outros equipamentos especializados do ámbito da Civil UAVs Initiative.

En canto ao apoio económico, a Xunta de Galicia ofrece un financiamento a fondo perdido de ata 100.000 euros na fase de incubación e de 50.000 en aceleración. Paralelamente, poderán optar a un financiamento en forma de préstamos de Indraventures de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración. Tamén en aceleración terán acceso a préstamos participativos de ata 250.000 euros de XesGalicia.

A Aceleradora Business Factory Aero

A aceleradora Business Factory Aero enmárcase na Civil UAVs Initiative, a iniciativa para converter a nosa Comunidade nun polo tecnolóxico e industrial arredor dos vehículos non tripulados, de referencia internacional. En concreto, o seu obxectivo é atraer talento e coñecemento cara Galicia e fomentar o emprendemento neste ámbito, en liña coa plataforma StartIN Galicia.

A aceleradora está promovida pola Xunta de Galicia, a través do Igape, Axencia Galega de Innovación (Gain) e XesGalicia, polas empresas Indra e Babcock e o centro tecnolóxico da automoción CTAG, xestionada pola Fundación CEL e apoiada por diferentes entidades colaboradoras representadas polo Consorcio Aeronáutico Galego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/04/2019