A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade participou hoxe na xuntanza do Consello Reitor de Augas de Galicia
Ethel Vázquez salienta que a Xunta prevé aprobar este ano a Lei de garantías de abastecemento co fin de garantir a auga en calidade e cantidade necesaria no novo contexto de cambio climático

Vázquez Mourelle explica que se trata dunha norma que artella a colaboración coas administracións locais, competentes en abastecemento de auga, para blindar este recurso que cómpre coidar, preservar e xestionar de forma eficiente

Indica que a Xunta tamén está a tramitar o decreto que facilitará as obras menores de conservación e mantemento do dominio público hidráulico

Pon como exemplo que este texto normativo permitirá que un cidadán que queira cambiar as fiestras ou retellar unha vivenda xa non teña que agardar por unha autorización, pois abondará cunha declaración responsable

Sinala que o Goberno galego xa iniciou a elaboración do Plan Hidrolóxico da Demarcación Galicia-Costa para o novo ciclo 2021-2027

Subliña que a planificación é necesaria para anticiparse e afrontar os desafíos do cambio climático en relación coa auga, especialmente, os riscos de seca e de inundación, situacións que cómpre reverter cunha resposta áxil e coordinada

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2019

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe na xuntanza do Consello Reitor de Augas de Galicia que a Xunta prevé aprobar este ano a Lei de garantías de abastecemento co fin de crear as ferramentas para garantir a auga en calidade e cantidade necesaria no novo contexto de cambio climático.

Vázquez Mourelle, acompañada pola directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, sinalou que se trata dunha norma que artella a imprescindible colaboración coas administracións locais, competentes en abastecemento de auga, para blindar este recurso fundamental.

A conselleira tamén presentou no encontro o decreto destinado a facilitar as obras menores de conservación e mantemento do dominio público hidráulico. Aclarou que é unha medida importante para os cidadáns que queren, por exemplo, cambiar as fiestras ou retellar unha vivenda, xa que non terán que agardar por unha autorización, senón que abondará cunha declaración responsable.

Neste foro, no que participan diferentes departamentos da Xunta, concellos, a Administración xeral do Estado, os usuarios e organizacións ambientais, abordáronse cuestións relevantes para a xestión adecuada e responsable da auga, un recurso que cómpre coidar e preservar.

Ethel Vázquez explicou que a planificación é clave para acadar unha xestión eficaz e eficiente do ciclo integral da auga. Para isto, o Goberno galego está a traballar no inicio da elaboración do Plan Hidrolóxico da Demarcación Galicia-Costa para o ciclo 2021-2027.

Subliñou que esa planificación é necesaria para anticiparse e afrontar con maior éxito os desafíos que supón o cambio climático en relación coa auga, especialmente, os riscos de seca e de inundación.

Lembrou que na comunidade houbo recentemente episodios de seca e situacións que puideron levar a que a garantía de auga estivera comprometida e tamén se produciron casos de inundacións que afectan seriamente á poboación. A este respecto, indicou que cómpre reverter estas situacións mediante unha resposta áxil, acertada e coordinada.

No encontro tamén se analizou o informe de actividade de Augas de Galicia no ano 2018 e se elevou para a súa aprobación. O documento detalla as actuacións executadas pola Xunta en materia de conservación de leitos, control da calidade das augas a través das analíticas, control de vertidos e construción de infraestruturas hidráulicas en colaboración cos concellos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/04/2019