O titular de Medio Rural respondeu no Parlamento a unha interpelación sobre as condicións laborais dos traballadores deste servizo
José González: "Creamos 548 novas prazas para integrar a persoal no servizo propio da Xunta de loita contra incendios"

Trasladou que o pasado venres se lle entregou aos sindicatos a nova relación de postos de traballo para este servizo

Insistiu na necesidade de consolidar un dispositivo público, único e versátil, onde as condicións de todo o servizo sexan idénticas

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou hoxe no Parlamento que o pasado venres se lle entregou aos sindicatos a nova relación de postos de traballo para o dispositivo propio da Xunta de loita contra os incendios forestais, creando así un total de 548 novas prazas. O titular de Medio Rural destacou que era preciso optimizar este servizo e reforzar a súa coordinación e, para iso, é imprescindible incluír a todo o persoal como laboral da Xunta.

Ademais, o conselleiro trasladou que a Consellería de Facenda está nestes momentos a tramitar un decreto no que se recollerá a necesidade de valorar a experiencia dos traballadores que prestaron servizos en empresas públicas como Seaga, aos efectos da súa incorporación como persoal temporal da Xunta, xa que “queremos e precisamos dun persoal coa maior cualificación posible, do mellor persoal existente para loitar contra a lacra dos lumes”.

Neste senso, José González sinalou que desde o seu departamento se pediu especificamente que se contabilizara a experiencia acreditada polos traballadores en postos semellantes, xa sexa en empresas públicas, como Seaga, ou noutras administracións, como acontece cos concellos.

Así, o conselleiro insistiu en que é fundamental a consolidación dun dispositivo público, único e versátil, onde as condicións de todo o servizo sexan idénticas, xa que todo o dispositivo estará como persoal laboral da Xunta. Para iso, o titular de Medio Rural trasladou na Cámara que o seu departamento xa mantivo e está a manter reunións e negociacións con todas as partes implicadas.

Por último, o conselleiro non quixo acabar a súa intervención na Cámara galega sen agradecer o traballo e compromiso do dispositivo de loita contra incendios e poñer en valor a colaboración dun grandísimo equipo humano que forman a primeira liña de defensa contra o lume.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/04/2019