José González: "A superficie de eucalipto en Galicia é de 300.000 hectáreas, cifras oficiais do Goberno de España"

O conselleiro insistiu en que, segundo datos provisionais presentados polo ministerio, os eucaliptos ocupan a mesma superficie que hai dez anos e que esta especie non ten relación causal cos incendios forestais

Sobre os lumes acontecidos no primeiro trimestre do ano, González insistiu en que a prevención é fundamental pero tamén é importante contar cun servizo único, público e versátil que traballe na extinción como o que ten Galicia

Deu conta da execución do Plan de fixación da poboación no medio rural que xa chega ao 106%

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe en sede parlamentaria que as cifras oficiais e provisionais presentadas polo Goberno central no último inventario de especies produtivas de crecemento rápido no norte de España indican que a superficie provisional de eucalipto en Galicia é de 300.000 hectáreas.

Así, José González trasladou estes datos oficiais para aclarar as cifras erróneas trasladadas pola oposición á opinión pública. O titular de Medio Rural insistiu en que as cifras provisionais do Goberno de España indican que a superficie desta especie forestal é practicamente a mesma que a recollida no inventario forestal do ano 2008. Isto demostra, matizou o conselleiro, que é posible a convivencia das diferentes especies nos montes galegos cunha produción ordenada para que as 80.000 familias que viven das cortas de madeira poidan seguir percibindo beneficios económicos pola súa venda.

Neste sentido, o conselleiro insistiu en que os eucaliptos teñen que convivir con outras especies produtivas e con frondosas caducifolias “para conformar un monte vivo, multifuncional, dinámico e sostible, tendo en conta os aspectos económicos, sociais e medioambientais”, dixo.

O conselleiro sinalou que os eucaliptos ocupan a mesma superficie que hai dez anos e que esta especie non ten relación causal cos incendios forestais. Así, José González remarcou que na provincia de Lugo é onde menos arde e máis eucaliptos hai, mentres que a de Ourense é a máis afectada polos lumes sendo onde menos eucaliptos existen.

Lumes no primeiro trimestre do ano

Neste contexto, o conselleiro respondeu tamén a outra pregunta relacionada cos lumes forestais acontecidos no primeiro trimestre do ano. Nesta liña, José González amosou a súa preocupación, xa que foron lumes impropios da época, favorecidos por unhas condicións meteorolóxicas adversas con altas temperaturas, seca e vento do nordés.

Así mesmo, José González amosou a preocupación do Goberno galego pola clara intencionalidade que se constatou nese período, pois segundo os datos técnicos, máis do 78% dos lumes rexistrados no primeiro trimestre do ano foron intencionados, dixo. Así, José González trasladou que dos 585 incendios rexistrados desde o 1 de xaneiro ata o 31 de marzo, máis do 45% foron de noite, cando os medios aéreos xa non poden traballar e houbo exemplos paradigmáticos con varios focos simultáneos, como foi o caso do lume de Laza con ata 10 focos. Ademais, no caso concreto dos lumes producidos entre o 23 de marzo e o 31 dese mesmo mes, con ventos fortes do nordés, rexistráronse 180 incendios, dos cales o 75% se comprobou que foron intencionados.

Non obstante, o conselleiro felicitou ao dispositivo de extinción polo seu traballo e compromiso, xa que a pesar das condicións meteorolóxicas, preto do 67% dos lumes quedaron en conatos, é dicir, non superaron a hectárea de superficie.

Así mesmo, o conselleiro explicou que a prevención é fundamental para combater os incendios forestais pero é importante tamén contar cun servizo único, público e versátil como o que ten Galicia para atallar os lumes con dilixencia e eficacia.

Plan de fixación

Por último, o conselleiro deu conta da execución actual do Plan de fixación da poboación no medio rural. Así, asegurou que a día de hoxe levamos executado máis do presupostado no plan, o que supón unha execución do 106%.

Neste senso, o titular de Medio Rural salientou que entre os obxectivos deste plan pasan pola cohesión territorial e o mantemento da poboación no rural galego. “O rural ten que ser o motor da Galicia do futuro”, de aí que a Xunta siga apostando de forma moi decidida por el, finalizou o conselleiro.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 10/04/2019