A Xunta destaca a importancia de que o sector metalúrxico galego siga aumentando na captación e retención de talento

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta tarde en Vigo á Asemblea 2019 de Asime

Esta industria, que representa o 20% do PIB galego, rexistra unha liña ascendente en todas as súas ramas de actividade como é o caso do naval, a automoción e a aeronáutica

Fixa na formación e a innovación os retos que o sector ten que seguir consolidando para mellorar a súa competitividade

Vigo, 11 de abril de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta tarde a Asemblea 2019 de Asime, onde incidiu na importancia da colaboración público-privada para impulsar a industria e destacou, precisamente, a importancia de traballar en equipo do sector metalúrxico galego, o que fai posible que consolide os seus resultados. Neste sentido, defendeu a necesidade de que o tecido empresarial siga avanzando na captación e retención de talento.

En concreto, Conde subliñou que este sector, que representa o 20% do PIB, rexistra unha liña ascendente en todas as súas ramas de actividade, entre as que destaca o comportamento do naval, co mellor nivel de contratos e emprego dos últimos 10 anos; as expectativas na industria da automoción; e o potencial da aeronáutica, cunha trintena de empresas traballando para cinco grandes fabricantes a nivel mundial e as novas oportunidades que representa o Polo aeroespacial de Galicia.

Neste contexto, o conselleiro incidiu na importancia que ten a implicación do tecido empresarial galego como amosa o grao de integración que as tecnoloxías da Industria 4.0 van tendo en Galicia.

Tamén se referiu ao destacado papel que nesta transformación ten tanto a formación, que debe ser afrontada como un investimento e non como un gasto para cubrir a demanda de postos de traballo especializados, como a innovación, que permite ás compañías engadir un valor adicional como é o da diferenciación. Deste xeito, a través da formación e da innovación, as empresas poderán mellorar a súa competitividade e abrirse a novas oportunidades en materia de produtos e mercados.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/04/2019