O presidente da Xunta participou na XXV edición do Premio Aproin, organizado pola Asociación de Promotores Inmobiliarios de Pontevedra
Feijóo destaca o crecente compromiso do sector da construción coa calidade e con Galicia e avoga por insistir nese camiño

Incide en que a rehabilitación abre un novo escenario con máis oportunidades para o sector e anima a seguir traballando, conxugando a conservación da terra e o respecto polo patrimonio

Vigo, 11 de abril de 2019

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe o crecente compromiso do sector da construción coa calidade e con Galicia, así como a súa capacidade para evolucionar e reinventarse, nun tempo no que o paradigma non se trata tanto de canto construír senón de como construír.

Durante o acto de celebración da XXV edición do Premio Aproin, organizado pola Asociación de Promotores Inmobiliarios de Pontevedra, Feijóo aseverou que todas as iniciativas premiadas son a proba de que outra forma de facer as cousas é posible, referíndose á obra de Construcciones Bamarti, galardoada como mellor actuación inmobiliaria residencial.

Así mesmo, destacou a aposta por unhas instalacións innovadoras e comprometidas co medio ambiente como pola que apostou Ecoforest Geotermia, para ser o nodo do seu crecemento exponencial. E, lembrou que recuperar os edificios senlleiros suma cada vez máis valor, como demostra Interaltlantic Fish coa recuperación dun edificio de 1899 para as súas oficinas en Vigo.

Logo de incidir en que a rehabilitación abre un novo escenario con máis oportunidades para o sector, o responsable do Executivo autonómico animou a seguir traballando, conxugando a conservación da terra e o respecto polo patrimonio.

Feijóo concluíu resaltando a importancia de foros coma este, necesarios para reflexionar sobre o presente e o futuro dun sector que ten grande influencia na configuración do país e na vida das persoas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/04/2019