O titular da Xunta participou no acto de entrega dos premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico e ao esforzo e superación persoal
Feijóo salienta que a educación da mocidade galega representa os mellores valores para afrontar os retos do mundo actual

Destaca o labor de todos os profesionais que forman parte do sistema educativo galego e que traballan, día a día, pola equidade e a igualdade de oportunidades, pola innovación e polo plurilingüismo, sen esquecer a ética ou o civismo

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2019

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a educación da mocidade galega representa os mellores valores para afrontar os retos do mundo actual, referíndose así ao esforzo, á constancia, á dedicación e ao civismo que a caracterizan.

Durante o acto de entrega dos premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico e ao esforzo e superación persoal, Feijóo animou á que cualificou como “a xeración mellor preparada da historia” a seguir traballando para acadar os soños desexados, apoiándose sempre na familia, no corpo docente e nos compañeiros.

Ao longo da celebración, o titular da Xunta tivo tamén palabras de recoñecemento para todos os profesionais que forman parte do sistema educativo galego e que traballan, día a día, pola equidade e a igualdade de oportunidades, pola convivencia, pola innovación e o uso das tecnoloxías e polo plurilingüismo; "todo isto –precisou- sen esquecer a comprensión lectora, as habilidades sociais, comunicativas e culturais, a ética ou o civismo".

“Non deixedes de ser alumnos do S.XXI, pero coas mellores características deste novo mundo. Sodes a mellor representación da prosperidade de Galicia”, aseverou, recordando que “estes premios son un punto e seguido nas vosas traxectorias”.

O responsable do Executivo autonómico concluíu a súa intervención cunhas palabras de recordo e agarimo para a tamén galardoada Andrea Núñez Martínez, do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, e trasladou o profundo pesar á súa familia, aos seus amigos e aos seus compañeiros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/04/2019