Conde destaca na feira do viño de Sober o papel deste sector na dinamización económica do rural galego

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá á XXXIX Feira do Viño de Amandi

Subliña que o evento é un referente no sector vitivinícola e un reclamo para os milleiros de visitantes que se achegan cada ano
 

Sober (Lugo), 14 de abril de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Sober á XXXIX Feira do Viño de Amandi, onde destacou o papel do sector vitivinícola na dinamización económica do rural e na creación de emprego e riqueza.

Conde felicitou aos organizadores por unha feira que xa é referente no sector e un reclamo para os milleiros de visitantes que se achegan cada fin de semana de Ramos. Tamén destacou que os viños que se degustarán pertencen á colleita de 2018, cando a Denominación de Orixe da Ribeira Sacra alcanzou, por segundo ano consecutivo e por terceira vez na súa historia, a cualificación de excelente.

O conselleiro tamén gabou o bo facer do sector vitivinícola galego que, con cinco denominacións de orixe, máis de 13.000 viticultores e preto de 500 adegas, sabe conxugar a tradición coa innovación á vez que aposta por abrirse a novos mercados tanto nacionais como internacionais.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/04/2019