O pop up “Saberes e Sabores” achega ao corazón de Madrid a tradición e a modernidade da Artesanía de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe a iniciativa que se celebra ata o 21 de abril no Palacio de Santa Bárbara

A tenda conta cunha selección de pezas de arredor de 50 profesionais da artesanía e coa presenza de nove obradoiros e dez expositores de produtos gastrónomicos

O programa ofrece actividades para todos os públicos, desde showcookings a cargo de cociñeiros de prestixio a talleres de torneado cerámico, realización de san andresiños de pan, elaboración de papel e encadernación, entre outros

 

Madrid, 13 de abril de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe na súa visita á terceira edición da tenda pop up Galicia, Saberes e Sabores, que a Xunta organiza no Palacio de Santa Bárbara (Hortaleza, 87) ata o 21 de abril, que esta iniciativa achega ao corazón de Madrid a tradición e a modernidade da Artesanía de Galicia, converténdose no mellor escaparate da fusión do talento deste sector coa nova gastronomía galega.

Tal e como apuntou Conde, a iniciativa conta coa presenza de nove profesionais de Artesanía de Galicia, así como de dez expositores de produtos gastrónomicos, ademais dun espazo de exposición e venda de pezas artesanais elaboradas por arredor de 50 talleres artesáns galegos. Como en anteriores edicións, a programación complétase con actividades e talleres de gastronomía e artesanía gratuítos para todos os públicos.

As empresas artesás galegas que participan este ano como expositores en Madrid son os talleres de cerámica Branqueta (A Coruña) e Laura Delgado Cerámica (Cambre), o taller especializado en forxa Celso Ferreiro CF Coitelos (A Fonsagrada), os talleres de coiro Jatafarta (Santiago de Compostela) e Santiago Besteiro Design (Monterroso), o taller de xoiaría Ferraxe de Prata (Teo), así como as artesás especializadas en téxtil Boina Galega (Santiago de Compostela), Degerónimo (Santiago de Compostela) e Inés Rir & Co. Deseño Téxtil Artesán (Allariz). Os expositores de produtos gastronómicos de calidade son Adegas Castrobrey (Vila de Cruces), Esencia Atlántica (Muxía), Cosmética Muuhlloa (Monterroso), Costumes. Empanadas de Galicia (Vilalba), Orballo (Paderne), Vermut Lodeiros (Santiago de Compostela), Panadería Divina (Santiago de Compostela), Queixería Daniberto (Vilalba), Sovoral Apicultura Orgánica (Xunqueira de Ambía) e Vermú de Albariño St. Petroni (Padrón).

Tras o éxito da pasada edición o taller de torneado cerámico impartido por Carlos San Claudio é un fixo da programación diaria. Os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera imparten cinco novos talleres que se alternan ao longo de toda a duración do evento, centrados na elaboración de papel artesanal, a encadernación, a creación de papel marmolado, a técnica de impresión xaponesa de gyotaku e o procedemento fotográfico monocromo das cianotipias. A elaboración das figuras protectoras tradicionais de miolo de pan de San Andrés de Teixido, coñecidas como san andresiños, a cargo do artesán Jorge Bellón é outra das novidades que os asistentes poden gozar durante esta primeira fin de semana.

No ámbito da gastronomía, ao longo do programa inclúense diferentes talleres a cargo do recoñecido barista compostelán Óscar de Toro, e os showcookings dos cociñeiros Jorge Gago (Amaceta, Santiago de Compostela), Lucía Freitas (A Tafona, Santiago de Compostela), Pedro Pérez de Bacelo, do restaurante ourensán Taberna Vinaria, e Héctor López, do restaurante España de Lugo.

En paralelo, a Terraza Galicia é un punto de encontro gastronómico e de ocio, cun menú de especialidades galegas. Presentacións de produto, catas e degustacións a cargo dos expositores complementan unha oferta na que se potencian as confluencias entre Artesanía de Galicia e a gastronomía galega.

A nova edición do Pop Up Galicia, Saberes e Sabores abre de luns a xoves en horario ininterrompido de 12:30 a 21:30 horas, o venres e o sábado de 12:00 a 22:30 horas e o domingo de 12:00 a 21:30 horas. A Terraza Galicia estará aberta todos os días que dure o evento en horario de 12:00 a 23:00 horas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/04/2019