Miranda invita aos centros galegos de Europa a intensificar a súa actividade para fortalecerse durante celebración dos 40 anos do Centro Galego de Marsella

O secretario xeral da Emigración participou nos actos de conmemoración das catro décadas da única entidade galega do sur de Francia


O programa do evento, ao que asistiron o cónsul general de España e a chanceler, Alberto Moreno Humet e María Luisa Lopez Mercader, respectivamente, incluíu a actuación do grupo do centro, Fentos e Toxos
 

Marsella, 14 de abril de 2019

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, invitou esta mañá a todos as entidades galegas de Europa a “intensificar a súa actividade e seguir a incrementar a súa relevancia nos seus países de residencia para fortalecerse e non deixar de medrar”. “Os retos son cada día maiores, por iso a implicación ten que ser tamén máis forte, para que todos os galegos do exterior sintan cada centro galego como propio, e a cultura galega, a súa”, engadiu. O responsable do departamento galego fixo este chamamento durante a celebración dos 40 anos do Centro Gallego de Marsella, fundado no ano 1978 e presidido na actualidade por Manuel Silva Pereira.


O programa de actos, que contou coa participación do cónsul general de España na cidade francesa, Alberto Moreno Humet, e coa chanceler, María Luisa López Mercader, contou, ademais de coas intervencións dos invitados, entre os que tamén se atopaba a presidenta do Centro Español de Marignane, Michelle Brun, coa actuación do grupo folclórico Fentos e Toxos, pertencente á entidade marsellesa.

Reunir aos emigrantes de orixe galega

O Centro Gallego de Marsella é unha das cinco entidades galegas espalladas polo mundo, xunto á Sociedad Cultural Recreativa Carballeira de Zarautz, Casa Cultural de Galiza de Elgoibar, o Centro Galego Nós Sabadell e o Centro Gallego de Málaga, que veñen de cumprir 40 anos. O marsellés constituíuse co obxectivo de “reunir aos emigrantes de orixe galega e todas as persoas que simpaticen cos costumes de Galicia, co fin de manter a cultura e tradicións da rexión”.

Conta na actualidade con preto de 200 socios, dos que máis da metade son galegos, e conta co grupo de bailes e gaitas Fentos e Toxos, que participa en numerosos festivais e citas musicais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/04/2019