Un proxecto pioneiro do Instituto de Estudos do Territorio permite obter 341 ortofotos de gran resolución dos concellos de Cambre, Carballo, Oleiros, Lugo, Sanxenxo e Pontevedra

Grazas ao traballo desenvolvido o pasado verán en virtude dun convenio de colaboración entre o IET e estes seis concellos, tomáronse máis de 3.100 fotografías aéreas de alta calidade dunha extensión de 230 quilómetros cadrados

As chamadas ‘True Orthos’ teñen múltiples aplicacións prácticas desde o punto de vista da planificación espacial das políticas relativas a materias tales como o medio ambiente, as infraestruturas ou a vivenda

A iniciativa, única en España, enmárcase no Plan Nacional de Observación do Territorio, un programa recoñecido co premio ao Servizo Público da ONU
 

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2019

Un proxecto pioneiro entre a Xunta de Galicia e os concellos de Cambre, Carballo, Oleiros, Lugo e Sanxenxo permitiu obter 341 ortofotografías de gran resolución dos preto de 230 quilómetros cadrados que abrangue o territorio sobrevoado. O Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, impulsou en 2018 este proxecto, o primeiro destas características que se leva a cabo en España mediante a colaboración entre administración autonómica e local e que se enmarca no prestixioso Plan Nacional de Observación do Territorio, programa recoñecido polas Nacións Unidas co premio ao Servizo Público.

Grazas aos voos fotogramétricos realizados dentro do plan PNOA10_Galicia, que se desenvolveron nestes seis concellos ao longo do pasado verán, obtivéronse un total de 3.129 fotografías aéreas de moi alta resolución. A partir deste material, xeráronse 341 True Orthos ou ortofotografías verdadeiras, imaxes de 10 centímetros de resolución que tras someterse a un procesado previo, foron corrixidas xeometricamente de xeito que cada un dos puntos que se visualizan está situado na súa posición espacial correcta.

O grao de precisión e exactitude deste produto ofrece un amplo abano de aplicacións prácticas no relativo á planificación espacial das políticas referidas a aspectos tales como o medio ambiente, o deseño de infraestruturas ou a vivenda. Neste sentido, o Plan Nacional de Observación do Territorio responde xa de forma satisfactoria a moitas das demandas que teñen tanto o Goberno do Estado como as comunidades, pero non cubre a totalidade das necesidades dos concellos en materias que son da súa competencia.

Por este motivo, o IET orientou este plan á Administración local galega co fin de que puidese dar resposta, de xeito voluntario, colaborativo e optimizando os recursos dispoñibles, ás demandas existentes dende o eido local de imaxes aéreas cun alto nivel de detalle.

Entre as principais vantaxes directas das True Orthos cómpre subliñar a redución da necesidade de realizar medicións sobre o terreo; a posibilidade de facer anteproxectos de obras a partir da imaxe e da nube de puntos que ofrece; a dispoñibilidade dunha ferramenta de axuda para a elaboración do inventario municipal de sumidoiros, bancos, farois,...; o control de construcións irregulares; a mellora da planificación e da disciplina urbanística; a dispoñibilidade dunha base para os sistemas de información xeográfica municipais; ou a mellora dos sistemas de seguridade cidadá.

Ferramentas para a toma de decisións

Todo este novo material ortofotográfico recompilado no marco do plan PNOA10_Galicia está xa dispoñible para os cidadáns e é completamente accesible a través de seis visores aos que se pode acceder desde os seguintes enlaces:

http://xunta.fototeca.eu:8080/viewer/carballo/
http://xunta.fototeca.eu:8080/viewer/cambre/
http://xunta.fototeca.eu:8080/viewer/lugo/
http://xunta.fototeca.eu:8080/viewer/oleiros/
http://xunta.fototeca.eu:8080/viewer/pontevedra/
http://xunta.fototeca.eu:8080/viewer/sanxenxo/

En todo caso, o PNOA10_Galicia é un proxecto con vocación de futuro. De feito, a intención do IET é seguir a desenvolvelo sempre que exista un número mínimo de concellos interesados en participar na iniciativa.

Cómpre lembrar que a información territorial en xeral e as ortofotos en particular teñen un papel crucial tanto para as administracións como para determinados sectores empresariais xa que axuda a comprender as forzas motrices que actúan no territorio e as presións e impactos que se derivan das actuacións realizadas polo home.

Para levar a cabo accións correctas, administracións, técnicos e poboación en xeral deben ter acceso a información actualizada, fiable e de detalle do territorio, un obxectivo que a Consellería de Medio Ambiente canaliza a través do IET para poñer a disposición a información xeográfica necesaria e máis actualizada e completa posible para levar a cabo os traballos de planificación, ordenación e xestión do territorio e da paisaxe.
 

Data de actualización: 14/04/2019