A Consellería do Mar dará comezo en maio o plan de limpeza de dársenas en preto dunha vintena de peiraos autonómicos

Portos de Galicia desenvolverá por sexto ano actuacións nas tres provincias costeiras

Santiago, 15 de abril de 2018

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, levará a cabo nos próximos unha nova fase do plan de limpeza de dársenas. O ente público executará estas actuacións por sexto ano coa finalidade de impulsar peiraos sustentables a través da retirada de residuos dos fondos mariños. En rolda de prensa, esta maña, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, destacou que “a experiencia acumulada nos anos anteriores indica a necesidade de continuar con esta iniciativa que permite retirar dos fondos mariños residuos materiais que nunca deberon chegar ao mar”. Ante esta necesidade, Portos de Galicia desenvolverá este ano actuacións en 19 portos das tres provincias costeiras.

En concreto, os peiraos que se integrarán nesta fase serán os de Ribadeo, Celeiro (Viveiro), O Vicedo, O Barqueiro, Espasante, Ortigueira, Mugardos, Barallobre, Cabo de Cruz, Portosín, Porto do Son, Sada, Fisterra, Ribeira, Beluso (Bueu), Canido (Vigo), Baiona, Pedras Negras (O Grove) e Pontecesures. Ademais, nalgúns destes casos as tarefas de limpeza combinaranse coa revisión de estruturas flotantes con medios submarinos, aproveitando así esta actuación para diversificar traballos.

Portos de Galicia leva a cabo este tipo de actuacións con carácter regular para mellorar á seguridade nas augas interiores e impulsar a protección da fauna mariña, que pode ser afectada seriamente pola acumulación de residuos nos fondos mariños. Deste modo refórzase a sustentabilidade ambiental dos peiraos de titularidade autonómica, unha das liñas de traballo estratéxicas do ente público. De feito, nas cinco fases anteriores recolléronse un total de 230.000 quilos de lixo dos fondos mariños de toda Galicia.

A limpeza das dársenas implica a recollida selectiva de obxectos do fondo mariño dentro das augas interiores do porto, ben entendido que non se trata dunha dragaxe, senón da recollida de residuos, que se atopan no leito mariño producidos pola caída accidental dos mesmos ou por outras razóns. Con esta acción preténdese sumar á limpeza en terra a limpeza no fondo do mar e mellorar ademais a imaxe das instalacións.

O equipo de traballo que se encargará da limpeza nas dársenas está formado por entre 3 e 5 mergulladores e como medios mecánicos contarán cun barco con grúa. Ademais, os efectivos encargados de realizar os traballos estarán coordinados en terra coa encargada da limpeza de Portos de Galicia, que terá preparados os contedores para o depósito dos residuos en terra e realizará a súa xestión selectiva. 

Pola experiencia levada a cabo nos pasados anos, entre os residuos que se acumulan nos fondos mariños, atópanse diversos obxectos de medianas e grandes dimensións, como restos de embarcacións, rodas das defensas dos peiraos, cadeas, cabos, e ata elementos de tipo doméstico. Ademais, nas limpezas anteriores retiráronse restos da propia actividade portuaria que accidentalmente acaban no fondo do mar, como son caixas de peixe ou cabos desprendidos de embarcacións atracadas no peirao.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 15/04/2019