Sanidade publica no portal de transparencia o texto mediante o que se crea e regula o Consello Técnico de Atención Primaria

Tal e como acordara coas organizacións sindicais o departamento sanitario autonómico, en reunión celebrada o pasado día 8

O Consello estará formado por un máximo de 45 persoas de recoñecido prestixio, recoñecemento social e traxectoria profesional acreditada no ámbito sanitario

No Consello estarán representados os colexios profesionais do ámbito sanitario, as sociedades científicas, organizacións sindicais, asociacións, entidades locais e os usuarios, entre outros

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2019

O portal de transparencia da Xunta de Galicia vén de publicar, no día de hoxe, unha Orde da Consellería de Sanidade pola que se crea e regula a composición, funcionamento e organización do Consello Técnico de Atención Primaria, tal e como acordara o departamento sanitario do Executivo galego coas organizacións sindicais, en reunión celebrada o pasado día 8, logo do proceso iniciado por Sanidade para poñer en marcha un novo modelo do primeiro nivel asistencial.

No consello estarán representados os colexios profesionais do ámbito sanitario, as sociedades científicas, as organizacións sindicais, asociacións, entidades locais e os usuarios, entre outros.

Considérase necesaria a creación deste Consello que, cun carácter permanente, realice funcións en relación con aspectos científicos, sociais e profesionais no ámbito da atención primaria, dende unha visión multidisciplinar, que se reflicta na súa composición e que poida aconsellar e tratar os programas e medidas a desenvolver neste proceso.

Tal e como recolle a proposta hoxe publicada, serán funcións do Consello Técnico de Primaria: a análise e avaliación das necesidades de recursos humanos no ámbito da Atención Primaria; a análise da mellora da súa capacidade resolutiva e da carteira de servizos; das liñas de xestión de procesos asistenciais de Atención Primaria e de propostas de mellora das relacións de Primaria coa Atención Hospitalaria; e o estudo e análise de propostas de nova organización da xestión do primeiro nivel asistencial.

Outras funcións do Consello son: propoñer e elaborar programas de intervención comunitaria para a mellora da saúde da poboación e asesorar ao Sergas nos asuntos do seu ámbito de competencias, especialmente no que se refire á prevención, diagnóstico precoz e mellora da accesibilidade da atención sanitaria e sobre aspectos relacionados coa formación, docencia e investigación da Atención Primaria, así como presentar propostas de mellora dos servizos no ámbito das funcións descritas.

Tamén analizará o Consello as liñas de xestión de procesos asistenciais de Primaria e de propostas de mellora das relacións entre Primaria e Hospitalaria.

Seguindo coas funcións contempladas na proposta de redacción da Orde hoxe publicada, o Consello tamén encargarase do estudo e análise de propostas de nova organización da xestión de Primaria; do asesoramento sobre aspectos relacionados coa formación, docencia e investigación no primeiro nivel asistencial; da presentación de propostas de mellora dos servizos do Sergas; de estudar e emitir informes sobre plans, programas ou proxectos, e, ademais, da análise e avaliación das necesidades de recursos humanos.

Profesionais de recoñecido prestixio

O Consello Técnico de Atención Primaria estará formado por un máximo de 45 persoas de recoñecido prestixio, recoñecemento social e traxectoria profesional acreditada no ámbito sanitario.

O Consello contará con vogais a proposta de Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria; da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia; da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria; da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria; da Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria; da Sociedade Galega de Fisioterapeutas; da Asociación Española de Traballo Social e Saúde; da Asociación de Farmacéuticos de Atención Primaria de Galicia, así como un vogal a proposta de cada unha das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de sanidade.

Tamén haberá un vogal a proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias; das asociacións que forman parte do Consello Asesor de Pacientes; dos Colexios Oficiais de Galicia de Médicos, de Enfermería, de Farmacéuticos; de Fisioterapeutas; e de Traballadores Sociais.

Asemade, no Consello estarán representadas as consellerías da Xunta competentes en materia de Educación e de Servizos Sociais; así como Urxencias Sanitarias de Galicia-061, e os departamentos do Sergas de recursos económicos, humanos, formación e tecnoloxías da información.

Sinalar, así mesmo, que o nomeamento das persoas membros do Consello terá unha duración de tres anos, procurándose unha composición paritaria entre homes e mulleres. Tal e como se indica na proposta de redacción da Orde, o pleno do consello reunirase, polo menos, dúas veces ao ano, ou a requirimento da presidencia ou dun terzo dos seus membros.

A proposta de redacción do texto hoxe publicado conta cun período de 15 días para facer aportacións ao mesmo.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 15/04/2019