A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou esta tarde un convenio co presidente da entidade viguesa, Jacinto Lareo
A Xunta colabora coa Fundación Sálvora na tutela de 52 persoas con discapacidade intelectual

Trátase de protexer os intereses destas persoas e de garantir o seu benestar

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2019

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o presidente da Fundación Sálvora, Jacinto Lareo, renovaron esta tarde o convenio de colaboración para a tutela e protección de persoas con discapacidade intelectual. A achega económica da Xunta ascende a 57.750 euros, a mesma contía que o ano pasado.

O obxecto deste acordo é contribuír a financiar as actividades tutelares que esta fundación exerce con 52 persoas con discapacidade intelectual que ten ao seu cargo por encomenda xudicial. A través da tutela, a Fundación vela polos intereses e as necesidades destas persoas, para que poidan acadar un nivel óptimo de benestar e garantías de futuro.

A Fundación Sálvora, constituída en Vigo e con case tres décadas de traxectoria, ocúpase de asesorar e aconsellar sobre a tutela e protección de persoas con discapacidade intelectual aos familiares e responsables das mesmas. Conta na súa sede cun servizo de información e ademais as persoas tuteladas pola entidade asisten a campamentos de verán, participan en actividades de ocio e lecer e desfrutan de estancias en casas e pisos tutelados.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/04/2019