A Xunta inclúe 30 novas especies de peixe e marisco na aplicación móbil 'Non piques, non peques'

Súmanse ás 53 que estaban dispoñibles, polo que os cidadáns poden consultar un total de 83 fichas individuais das principais especies da pesca e o marisqueo en Galicia con información sinxela e amena sobre as mellores épocas para comprar e consumir peixes e mariscos

Desde a súa creación a aplicación `Non piques, non peques´ foi descargada máis de 10.800 veces

A descarga desta APP é gratuíta e pódese facer na Play Store de Android e na App Store de iOS

Santiago, 18 de abril de 2019

A aplicación móbil Non piques, non peques, que contén información sobre as vedas, os talles mínimos e o período óptimo de consumo das principais especies da pesca e do marisqueo que se comercializan en Galicia, conta con 30 novas especies. Esta ampliación de contidos da app coincide coa época das vacacións de Semana Santa, co obxectivo de promover o coñecemento dos peixes e mariscos que se poden atopar no mercado galego entre a cidadanía en xeral e especialmente entre os turistas que visitan Galicia no período vacacional.

As especies novas que se engaden ás versións en galego, castelán e inglés desta app son a acedía, a agulla, o alcrique, a ameixa bicuda, a anguía, a bertorella de rocha, o ameixón, o rabioso, o caramuxo, o carneiro, a castañeta, o choquiño, a choupa peixe, a cornicha, o curuxo, o dentón, o escacho, o escarapote de pedra, o mero, a lamprea de mar, a lapa común, o longueirón vello, o melgacho, o bonito alistado, o peixe porco, a pota común, o prago, o reló, a xuliana e o mexillón.

Deste xeito súmanse ás 53 que estaban dispoñibles, polo que os cidadáns poden consultar un total de 83 fichas individuais das principais especies da pesca e o marisqueo en Galicia con información sinxela e amena sobre as mellores épocas para comprar e consumir peixes e mariscos capturados na nosa comunidade. Tamén axuda a identificar de xeito visual as distintas especies e a coñecer cales están en veda. Ademais contén información sobre os tamaños mínimos legais para o seu consumo.

Desde a súa posta en marcha a aplicación foi descargada máis de 10.800 veces. Funciona como unha guía sinxela que unha vez descargada se pode consultar sen ter conexión a internet. A súa descarga tamén é doada e totalmente gratuíta. Tan só hai que premer na tenda correspondente en cada dispositivo móbil -Play Store, no caso dos sistemas Android, e na App Store, no caso de iOS-, teclear Non piques, non peques e iniciar a descarga.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 18/04/2019