A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, vén de manter unha xuntanza coa rexedora de Lobios, Carmen Yáñez
Ethel Vázquez trasládalle á alcaldesa de Lobios que a Xunta está a tramitar un contrato para a mellora da travesía da localidade

Vázquez Mourelle explica que a intervención de mellora de firme nesta vía que coincide coa estrada OU-312 contará cun investimento aproximado de 60.000 euros

Indica que se avaliará a construción dunha senda nesta mesma vía, entre os núcleos do Torneiro e Bubaces

Subliña que tamén se estudará a mellora da estrada OU-540, que conecta Celanova e Portugal

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2019

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, vén de manter unha xuntanza coa alcaldesa de Lobios, Carmen Yáñez, para informala da tramitación dun contrato para a mellora da travesía da localidade.

Neste encontro, no que analizaron asuntos de interese para o municipio en materia de infraestruturas, Vázquez Mourelle concretou que a intervención nesta travesía que coincide coa estrada autonómica OU-312, consistirá na mellora do firme e contará cun investimento aproximado de 60.000 euros.

A responsable de Infraestruturas e a rexedora tamén avaliaron outras necesidades do concello no eido das estradas, como a execución dunha senda nesta mesma vía, entre os núcleos de Torneiro e Bubaces.

Na reunión tamén acordaron estudar a mellora da estrada OU- 540, que conecta Celanova e Portugal.

Data de actualización: 20/04/2019