A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu á entrega da primeira certificación MSC para o atún rabil no océano Atlántico ao Grupo Jealsa Rianxeira
A Xunta enxalza o compromiso da conserveira Jealsa coa pesca sustentable e a conservación dos recursos mariños

A conselleira do Mar destaca que a firma de Boiro exemplifica o saber facer das empresas galegas, ás que anima a seguir competindo en calidade, non en cantidade, e apostando pola innovación e as novas tecnoloxías

Rosa Quintana lembra o récord exportador galego de produtos do mar, con máis de 2.200 millóns de euros facturados no exterior, dos que 725 millóns corresponden á industria transformadora

Boiro (A Coruña), 6 de maio de 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, entregou hoxe á conserveira galega Grupo Jealsa Rianxeira a primeira certificación que concede a entidade MSC de pesca sustentable á captura de atún rabil no océano Atlántico. Este distintivo, destacou a titular de Mar, supón recoñecer o compromiso desta empresa coa pesca sustentable e coa conservación dos recursos mariños.

A representante do Executivo galego enxalzou o bo facer desta firma de Boiro, fundada en 1958 e que dá emprego a máis de 4.000 persoas. A conserveira, salientou, exemplifica o saber facer das empresas galegas, o que a situou como primeiro fabricante de conservas de España e o segundo de Europa froito dun crecemento constante.

A distinción de MSC vén a recoñecer a pesca responsable de atún rabil que realiza a frota de Jealsa en augas do Atlántico, un selo que se concede trala avaliación do estado da poboación da especie, o impacto ambiental da actividade pesqueira, a efectividade do seu sistema de xestión pesqueira e o cumprimento de todos chanzos da súa distribución coa cadea de custodia da entidade certificadora.

“Jealsa dá así un paso máis para manter o seu liderado no sector, a través dunha xestión responsable, vértice da nosa industria transformadora”, enxalzou Rosa Quintana. A titular de Mar engadiu á estratexia desta conserveira a aposta pola innovación e a tecnoloxía, “cunha constante modernización das súas instalacións, a diversificación da súa actividade e o seu compromiso coas enerxías limpas e renovables”.

Precisamente, a conselleira do Mar asegurou que a innovación e a tecnoloxía son chaves para o futuro do sector e incidiu en que a competencia co resto de países ten que ser cualitativa, primando a calidade fronte á cantidade. “O noso sector é competitivo e debe ser o suficientemente forte como para poder seguir na primeira liña de acción para conformar a un mercado que nestes últimos anos veu transformándose constantemente e con celeridade”, remarcou Rosa Quintana.

Un escenario ao que o sector, segundo a titular de Mar, soubo adaptarse e medrar, como mostra o novo récord exportador galego de produtos pesqueiros, con máis de 2.200 millóns de euros facturados no exterior, dos que máis de 725 millóns corresponden ao sector conserveiro. Unha adaptación que permitiu á industria “medrar de xeito constante e facer fronte á competencia asiática”. De feito, Galicia é a primeira potencia europea na transformación de produtos do mar e a segunda de todo o mundo.

Grupo Jealsa Rianxeira

A conserveira de Boiro foi fundada no ano 1958 por Jesús Alonso Fernández e dá emprego a máis de 4.000 persoas. A súa aposta pola diversificación e a innovación levouna a converterse no primeiro fabricante de conservas de España e o segundo de Europa. Entre as marcas coas que comercializa os seus produtos están Rianxeira, Escurís, Robinson Crusoe, Mare Aperto, Pet Select (alimentos para mascotas) e Valora Marine Ingredients.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 06/05/2019