Conde avoga por impulsar a formación para mellorar a competitividade da industria forestal galega

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá, nas instalacións da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) en Santiago, os cursos que se están impartindo con simuladores

Trátase dun método que permite aos alumnos recrear situacións reais de traballo e sentar as bases do coñecemento da maquinaria forestal

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá as instalacións da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e coñeceu de preto o traballo que se está realizando con simuladores para preparar aos futuros formadores. Conde subliñou a importancia de apostar pola formación para impulsar a competitividade da industria forestal galega -un sector que supón o 12% do emprego industrial da Comunidade-.

En concreto, estanse a impartir cursos para o manexo de procesadora e autocargador a través dun simulador que conta cos mesmos programas que unha máquina forestal, polo que a formación ofrecida permite aos alumnos coñecer o modo de axustar a configuración e utilizar o sistema de medición, o que axuda a sentar as bases do coñecemento deste tipo de maquinaria. Entre as principais vantaxes destacan a recreación de situacións reais de traballo, a creación de diferentes interfaces para cada usuario, a posibilidade de ver a evolución de cada alumno, así como obter información da eficiencia na formación.

O conselleiro lembrou que Xera conta cunha estratexia formativa para promover o coñecemento e a innovación no eido da industria forestal. En concreto, búscase apoiar accións formativas adaptadas á industria a través da colaboración público-privada, formar profesionais cualificados, desenvolver competencias relacionadas coas novas tecnoloxías e a innovación e promover a transferencia de coñecemento á industria.

A Xunta avoga tamén por impulsar a industria forestal galega liderando proxectos e iniciativas relacionadas con sectores emerxentes como o contract e coa bioeconomía, xa que permite xerar emprego e cohesionar o territorio á vez que apoia a biodiversidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/05/2019