A Xunta destaca a importancia da aplicación de ferramentas innovadoras para facer fronte ás emerxencias

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, participou hoxe na presentación do proxecto de investigación FIRE-RS que coordina a Universidade de Vigo

Vigo, 8 de maio de 2019

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, destacou hoxe a importancia de aplicar ferramentas innovadoras á prevención e atención das emerxencias co obxectivo de minimizar as súas consecuencias.

Así o sinalou hoxe durante a súa participación na presentación dos resultados do proxecto de investigación FIRE-RS, coordinado pola Universidade de Vigo e no que colaborou a Axega. O obxectivo deste proxecto internacional, financiado con fondos europeos, é implementar un sistema innovador de detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais.

Neste sentido, Araújo puxo en valor que a transferencia de coñecemento coas universidades e as novas ferramentas permiten previr e evitar situacións de emerxencia ao facilitar, entre outros aspectos, a observación terrestre con instrumentos como os nanosatélites, o apoio ás comunicacións a nivel global, a xeolocalización e loxística de medios de intervención ou a realización de estudos de evolución a través de algoritmos matemáticos.

Ao respecto, destacou que a Xunta vén colaborando estreitamente nesta materia coa Universidade de Vigo, como se demostra tamén noutra proposta de proxecto para investigar o desenvolvemento dun vehículo autónomo non tripulado para intervir en zonas con risco para a vida humana en casos de emerxencia, como por exemplo durante incendios forestais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/05/2019