A Xunta sinala que a mellor maneira de crear un entorno rural vivo é ofrecer oportunidades laborais que conviden á poboación a establecerse nel

O director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural moderou esta mañá a mesa redonda “Soñando cos pés na terra: buscando un futuro no rural”, no marco da feira de emprego Empregalia

Vigo, 11 de maio de 2019

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, moderou esta mañá en Vigo a mesa redonda “Soñando cos pés na terra: buscando un futuro no rural”, no marco da feira de emprego Empregalia. Alí, o director xeral destacou que a mellor maneira de crear un entorno rural vivo é ofrecer oportunidades laborais que conviden á poboación a establecerse nel, “xa que o rural ten futuro”, matizou.

Neste senso, Pérez Dubois subliñou que para desenvolver unha actividade económica rendible no agro hai que apostar pola innovación en consonancia coa defensa do patrimonio cultural e natural. Ademais, asegurou que o fomento das relacións sociais e da cooperación, así como da mellora das dotacións públicas, permiten crear un entorno dinamizador do emprego. O director xeral asegurou que toda esta transversalidade ten como fin último mellorar as condicións de vida do medio rural a través da competitividade empresarial e da mellora dos servizos básicos ás familias, de xeito que se cree un entorno propio para a fixación de poboación no rural galego.

Para conseguir eses obxectivos, o director da Agader trasladou que o emprendemento é a ferramenta básica para o desenvolvemento do rural en Galicia. Unha ferramenta, indicou, que ademais posibilita o acceso das mulleres á vida laboral e que facilita que se avance dun xeito claro cara unha real igualdade de xéneros, favorecendo así proxectos que inciden na conciliación familiar e laboral.

Así, Pérez Dubois manifestou que é preciso reforzar o papel da muller no medio rural, impulsando medidas que favorezan o seu empoderamento e promovendo tamén o seu acceso á vida laboral. Para iso, o director salientou que moitos dos proxectos que maior implantación están tendo no rural están orientados á prestación de servizos tales como garderías, centros de día, servizos asistenciais, etc. Uns proxectos, matizou o director, que en moitos casos van da man da Xunta a través dos grupos de desenvolvemento rural (GDR), no marco da medida Leader.

Nesta mesa redonda participaron tamén Begoña Pérez, emprendedora do Obradoiro da Lamprea; Xosé Antón Araúxo, presidente da Comunidade de Montes de Couso; Adrián Simón, propietario da Adega do Ricón e José Collazo, xerente de viveiros Río Tollo e directivo de Acubam.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/05/2019