O Plan galego de seguridade industrial inclúe a realización de máis de 3.000 inspeccións en 2019 para avanzar na prevención

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar esta iniciativa centrada nos controis a instalacións, nas declaracións responsables das empresas, e en accidentes graves

A Xunta aposta con esta iniciativa pola mellora da competitividade e o desenvolvemento dunha industria forte, segura, innovadora e xeradora de emprego de calidade
 

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2019

A Consellería de Economía, Emprego e Industria publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Plan de inspección en materia de seguridade industrial para o ano 2019, que contempla a realización de 3.245 inspeccións na comunidade autónoma co obxectivo de avanzar na prevención e seguridade, ao tempo que se mellora a competitividade do tecido produtivo galego.

Este plan anual de seguridade industrial inclúe nesta ocasión cinco programas de inspección: instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial e postas en servizo este ano; instalacións xa en servizo con anterioridade a 2019 e que tamén están sometidas a ditos regulamentos; declaracións responsables de empresas instaladoras ou mantedoras no ámbito da seguridade industrial presentadas este ano; empresas instaladoras ou mantedoras que xa están en servizo con anterioridade a 2019; e accidentes graves.

A maior parte das inspeccións centraranse nos dous primeiros programas. En concreto, serán 2000 controis a instalacións postas en marcha este ano, e 1000 máis para aquelas que están en servizo con anterioridade a 2019. En ambos os dous casos, as inspeccións levaranse a cabo nos seguintes tipos de instalacións: eléctricas de baixa tensión, térmicas en edificios, con equipos a presión, de seguridade contra incendios en establecementos industriais, receptoras de gases combustibles, instalacións frigoríficas e ascensores.

No caso das declaracións responsables de empresas instaladoras ou mantedoras no ámbito de seguridade industrial presentadas este ano, o Plan prevé a realización de 100 inspeccións; o mesmo número que está programado para as empresas que xa están en servizo con anterioridade a 2019. Por último, realizaranse 45 inspeccións a establecementos industriais afectados no seu nivel superior e inferior polo RD 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñen substancias perigosas.

As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria encargaranse da selección dos establecementos, instalacións, e actividades en base a criterios de oportunidade e de aleatoriedade. Unha vez rematadas todos os controis, cada xefatura remitirá á Dirección Xeral de Enerxía e Minas un informe no que se indique por programa o número total de inspeccións desenvolvidas, así como aquelas que foron favorables e as que non o foron inicialmente -tanto as que emendaron todas as deficiencias detectadas como as que non–.

Tal e como se indica na orde, a realización dunha inspección non eximirá ao establecemento, instalación, ou actividade de realizar as correspondentes inspeccións regulamentarias que lle sexan de aplicación.

A dinamización do tecido industrial é un dos obxectivos estratéxicos do Goberno galego, que con este plan pretende a detección temperá de condicións de risco, e o cumprimento de medidas preventivas. Neste sentido refórzase a aposta pola mellora da competitividade e o desenvolvemento dunha industria forte, segura, innovadora e xeradora de emprego de calidade.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/05/2019