Cetmar participa no Día Marítimo Europeo organizando un taller sobre o cambio climático e o seu impacto nas comunidades costeiras

A actividade, que terá lugar o vindeiro 16 de maio no Centro de Congresos de Lisboa, persegue o intercambio de experiencias e a busca de solucións ao aumento da temperatura global

Vigo, 11 de maio de 2019

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar participará no Día Marítimo Europeo que a Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca da Comisión Europea celebra este ano na cidade de Lisboa, en Portugal, durante os vindeiros días 16 e 17 de maio.

A participación de Cetmar consistirá na organización dun taller da man da asociación Future Oceans Alliance, con sede na capital lusa, que se desenvolverá a xornada do 16 de maio no Centro de Congresos de Lisboa, escenario das actividades do Día Marítimo Europeo.

O taller tratará sobre as medidas de adaptación a por en práctica na costa ante un escenario de suba da temperatura global de 1,5º. Para iso contará coa participación de expertos na materia, como representantes do Panel Intergobernamental para o Cambio Climático e do banco Europeo de Inversións.

Está prevista ademais a participación de representantes de Meteogalicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, como coordinadores do proxecto europeo MarRISK, unha iniciativa na que participan ademais a Fundación Cetmar e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e que, financiada polo Programa Europeo de Coooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), aborda precisamente a adaptación costeira fronte ao cambio climático.

Durante o taller, que mantén aberta a inscrición, establecerase un Diálogo de Talanoa, un proceso de intercambio de experiencias e busca de solucións que está a ser promovido desde os últimos Cumios polo Clima de Nacións Unidas.

Cetmar estará así presente no Día Marítimo Europeo, unha cita destacada para os interesados nos sectores marítimos e un punto de encontro para profesionais e clústeres de diferentes ámbitos industriais, así como para representantes da administración e dos ámbitos académico e científico.

Data de actualización: 11/05/2019