Trece empresas presentaron ofertas para construír o novo centro de saúde de Melide

Terá unha superficie construída de 1.928,20 m2, o que representa un incremento do 60,69% respecto da superficie do actual centro de saúde

Esta nova edificación sanitaria albergará un Punto de atención continuada, ademais de cinco consultas de medicina xeral, cinco de enfermería, unha de pediatría e outra de enfermería pediátrica

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2019

Un total de trece empresas presentaron ofertas para a construción do novo centro de saúde de Melide (A Coruña), licitado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Infraestruturas, por procedemento aberto e tramitación ordinaria, cun orzamento previsto é de 3.049.203 euros.

O centro de saúde, que incluirá tamén un Punto de atención continuada (PAC), construirase nunha parcela cedida polo Concello de 4.968,50 m2. Esta nova construción situarase moi preto da actual e agrupará todos os servizos sanitarios nun só edificio. Terá unha superficie construída de 1.928,20 m2, o que representa un incremento do 60,69% respecto da superficie do actual centro de saúde, que dispón de 1.200 m2.

O edificio terá cinco consultas de medicina de familia e cinco de enfermería, una de pediatría e outra de enfermería pediátrica. Contará tamén cunha sala de toma de mostras, unha consulta de farmacia e unha consulta de matrona. Ademais terá sala de educación sanitaria, consulta de odontólogo e de hixienista e unha zona de fisioterapia que conta cunha ampla sala para ximnasio, ademais da consulta ao que hai que engadir cabinas de tratamento e sala de espera. Asemade contará con sala de xuntas, e estar do persoal, aseos, recepción, arquivos e almacéns, entre outros espazos.

En canto ao PAC disporá dunha consulta de medicina e unha consulta de enfermería, sala de reanimación-observación, recepción, aseos, vestiarios, esperas, tres dormitorios e sala de estar do persoal.

O concello de Melide ten 7.025 tarxetas sanitarias, das que 798 son pacientes en idade pediátrica. Mentres que as urxencias extrahospitalarias dan cobertura a 9.600 pacientes dos concellos de Melide, Toques e Santiso, sendo a media diaria de 26 atencións.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 14/05/2019