O Sergas elabora un programa para a optimización da nutrición nos pacientes críticos

O conselleiro de Sanidade inaugurou a Xornada contra a desnutrición, onde afirmou que Galicia é pioneira en incluír parámetros de desnutrición nos contratos de xestión dos hospitais

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou hoxe que o Servizo Galego de Saúde ven de elaborar un programa para a optimización da nutrición no paciente crítico, no marco da estratexia de Seguridade do Paciente.

Almuiña fixo estas declaracións na inauguración da xornada “Loita contra a desnutrición relacionada coa enfermidade na asistencia sanitaria en Galicia”, lembrando que a nosa comunidade é pioneira por incluír la determinación básica de parámetros de desnutrición nos contratos de xestión dos hospitais do Servizo Galego de Saúde.

O conselleiro explicou que o programa para a optimización da nutrición no paciente crítico é froito dun traballo de equipo entre profesionais médicos, de enfermería e farmacéuticos das sete áreas sanitarias do Sergas, todos eles cunha ampla experiencia no soporte nutricional e metabólico especializado nos pacientes en situación crítica. Segundo dixo Almuiña “a implantación deste programa no ámbito do Servizo Galego de Saúde, permitirá unha atención de calidade, homoxénea e coa maior capacidade de resolución posible, baseada na coordinación dos profesionais implicados na atención ao paciente crítico”.

No transcurso da inauguración, o titular de Sanidade referiuse á importancia dun diagnóstico da desnutrición para poder evitar as súas complicacións e outras enfermidades asociadas. Almuiña lembrou que os pacientes críticos non son unha poboación homoxénea, o que fai aínda máis difícil o seu tratamento. Isto require unha análise do estado nutricional de cada paciente e unha terapia nutricional especializada de xeito individualizado.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 14/05/2019