Esta acción piloto enmárcase no programa de Deseño para a Innovación 2020
A Xunta busca 25 pemes galegas que desexen participar nun proxecto piloto de deseño para a innovación

O obxectivo é apoiar ás pequenas e medianas empresas no desenvolvemento de novos produtos e servizos innovadores mediante o uso de ferramentas de deseño centradas no usuario

Mañá mércores, 15 de maio, celebrarase unha xornada en Ferrol na que se explicará esta acción piloto e se exporán boas prácticas

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2019

A Axencia Galega de Innovación (Gain) da Consellería de Economía, Emprego e Industria busca 25 pemes galegas interesadas en participar nunha acción piloto de apoio ao deseño co obxectivo de aumentar a súa competitividade e innovación.

Enmarcada no programa de Deseño para a Innovación 2020, trátase dunha iniciativa novidosa da Xunta para impulsar o crecemento da economía galega a través da incorporación e a sistematización do deseño nas empresas como motor de innovación -non tecnolóxica- e competitividade a nivel global, con especial atención ás pemes, en liña co consenso internacional en abordar o deseño de xeito específico nas políticas públicas de innovación. De feito, esta iniciativa enmárcase no proxecto europeo USER_ FACTOR Design for user-driven innovation, do que Gain é socio e que ten por finalidade fortalecer a innovación nas pemes axudándoas no uso do deseño como unha ferramenta para a innovación que responda ás necesidades do usuario.

Acción piloto

A experiencia piloto consiste nunha acción de asesoramento para a definición de servizos ou produtos innovadores que integren o deseño, podendo optar por un itinerario de deseño de servizos ou de produtos. O asesoramento estará a cargo de deseñadores expertos con probada experiencia nestes campos e constará das seguintes partes: Diagnóstico da empresa para establecer o seu nivel no deseño de servizos ou de produtos (segundo o caso); tres sesións formativas, de 4 horas de duración/sesión e adaptadas a cada perfil de empresa, en procesos e ferramentas de deseño orientado ao usuario; plan de mellora de servizos ou produtos con accións detalladas e seguimento; e valoración final do proceso e contraste con diagnóstico inicial.

Os requisitos que deben reunir as pemes que desexen participar neste piloto son: ser micro, pequena ou mediana empresa e ter domicilio social ou centro de traballo en Galicia. Unha vez realizada a solicitude, unha comisión de selección realizará unha valoración atendendo aos seguintes criterios: motivación; equipo implicado; e viabilidade do reto plantexado. As empresas que obteñan as puntuacións máis altas serán as seleccionadas para participar no piloto, dispoñendo de 13 prazas no itinerario de servizos e 12 no de produto. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o próximo 31 de maio.

Xornada de boas prácticas

Mañá, mércores 15 de maio, celebrarase no CIS Tecnoloxía e Deseño en Ferrol a xornada O deseño: Boas prácticas, propostas de accións e apoio a pemes, vencellada tamén ao programa de Deseño para a Innovación 2020 e, especificamente, aos proxectos europeos USER_FACTOR (Interreg Atlantic Area) e Design4Innovation (Interreg Europe). Nela presentarase o Clúster de Deseño de Valleta (capital de Malta) por parte dun representante da Valleta Cultural Agency. Ademais, a deseñadora Uqui Permui falará de como dinamizar o negocio a través da colaboración entre deseñadores e empresas. Por último, explicarase a acción piloto na que Gain está a traballar.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/05/2019