A Agasp acolle unha xornada sobre o uso das redes sociais, o consumo de alcol e drogas e o acoso e violencia por parte dos menores

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suances, foi o encargado de inaugurar a Xornada, que contou despois coa ponencia do psicólogo especializado en menores, Javier Urra

A Xornada acolle durante o día de hoxe a importantes expertos na materia, que analizarán polo miúdo temas de gran importancia no ámbito da seguridade dos menores

A Estrada (Pontevedra), 14 de maio de 2019

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suances, inaugurou esta mañá na Academia Galega de Seguridade Pública, unha xornada sobre o uso das redes sociais, do consumo de alcol e drogas, e do acoso e violencia dos menores.

Asistiron tamén o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González. A conferencia inaugural será impartida polo psicólogo da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Menores, Javier Urra.

Segundo indicou o vicepresidente a cooperación e colaboración entre toda a sociedade é de gran importancia, tal e como reflicten os poñentes e asistentes ás Xornadas, dende gardas civís, policías nacionais, axentes da Policía Autonómica e da Policía Local, así como un amplo número de educadores e psicólogos.

No marco da inauguración incidiuse que é necesario non só poñer en común as experiencias e a formación senón ir máis alá e deseñar políticas de actuación útiles e prácticas, non só na intervención senón tamén na prevención, xa que os menores requiren maior protección e atención por parte das Forzas e Corpos de Seguridade.

De aí a relevancia desta xornada e a importancia de traballar en equipo, cun enfoque multidisciplinar, nunha cuestión que nos compete a todos. Afondando en problemáticas complexas que afectan aos menores, dende o consumo de alcohol ou substancias ata o acoso ou o ciberacoso, así como a violencia de xénero ou a homofobia. E o mal uso das novas tecnoloxías, como instrumentos que, se ben poden supoñer unha oportunidade para mellorar, tamén poden ser un foco de problemas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/05/2019