A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia
A Xunta garante o cumprimento da lei, o control do estado das masas de auga e o traballo para minimizar as afeccións ás concas dos ríos na contorna da antiga Mina de Touro

Teresa Gutiérrez precisa que se está vixiando o cumprimento rigoroso da normativa que establece o Plan Hidrolóxico conforme á Directiva Marco da Auga, inspeccionando calquera indicio de afección nesta área

Fai fincapé en que o Goberno galego, ante casos nos que se infrinxe a lei, abre o correspondente expediente sancionador, tal como se lle incoou no último ano á empresa por importe de 80.000 euros debido aos vertidos non autorizados
 

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2019

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde salientou que a Xunta vela polo cumprimento da lei, controla o estado das masas de auga e traballa para minimizar as afeccións ás concas dos ríos na contorna da antiga mina de Touro.

Subliñou que dende o seu departamento se está vixiando o cumprimento rigoroso da normativa de augas que establece o Plan Hidrolóxico conforme á Directiva Marco da Auga, inspeccionando e investigando calquera indicio ou denuncia de afección motivada pola actividade das empresas que realicen traballos nos terreos da antiga mina.

Fixo fincapé en que ante os casos nos que se infrinxe a lei, a Xunta abre os expedientes sancionadores correspondentes, tal como se lle teñen incoado no último ano á empresa, por importe de 80.000 euros, por mor de vertidos non autorizados.

Explicou que a Xunta, no marco do Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia- Costa, efectúa traballos de avaliación do estado das masas de auga, examinando elementos de calidade química, fisicoquímica, biolóxica e hidromorfolóxica.

Neste sentido, aclarou que nesta contorna se ratificou que o estado da calidade ambiental das augas non ten empeorado nos últimos anos, grazas ao control acometido por Augas de Galicia, sempre conforme aos criterios técnicos e obxectivos dos que dispón a normativa.
 

Data de actualización: 14/05/2019