O director da Axencia galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia
A Xunta lamenta a falta de compromiso do Ministerio de Fomento coa variante de Ponteareas, que cos prazos actuais pode retrasala ata a década de 2030

Francisco Menéndez sinala que a última proposta do Ministerio de asumir como propia esta infraestrutura evitando a sinatura dun convenio de colaboración compromete a non garante a día de hoxe a execución desta obra

Critica os continuos cambios de criterio de Fomento para tentar calmar o descontento coa proposta na que limitaba o seu papel a financiar a variante cun máximo de 7 millóns de euros, rexeitada pola Xunta e o pleno do Concello

Sinala que fronte aos 21 millóns recollidos nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 para estas obras o novo investimento será insuficiente

Pon o acento no traballo da Xunta que desde o 2015 promove a sinatura dun convenio vinculante que permitiría executar con maior celeridade esta variante, como si ocorreu co acceso á Cidade da Cultura en Santiago que xa está en servizo

Lembra que a tramitación administrativa da variante de Ponteareas parte de cero, e coa experiencia contrastable dos prazos de actuacións promovidas polo Ministerio as obras no estarán executadas antes de 10 anos

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2019

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, lamentou hoxe a falta de compromiso do Ministerio de Fomento coa variante de Ponteareas, que cos prazos actuais pode retrasala ata a década do 2030.

En resposta a unha pregunta na Comisión 2ª do Parlamento, Francisco Menéndez referiuse así á reunión mantida o pasado día 6 de marzo na subdelegación do Goberno en Galicia, na que o Ministerio de Fomento asumiu como propia a execución da variante de Ponteareas, evitando a sinatura dun convenio que comprometa de modo efectivo ao Estado coas obras e desvirtuando por completo o compromiso da súa execución, remarcou.

Un novo cambio de criterio do Ministerio de Fomento para tentar calmar o descontento que se estaba a xerar -tal e como dixo o director da AXI- coa proposta de convenio de colaboración na que Fomento limitaba o seu papel a financiar un máximo de 7 millóns de euros pola execución das obras, pasando a ser executada pola Xunta de Galicia.

Convenio, incidiu, que foi rexeitada pola Xunta de Galicia e o propio pleno do Concello de Ponteareas por incoherente co protocolo asinado en maio de 2015 para impulsar conxuntamente esta infraestrutura. No mesmo o Ministerio de Fomento asumiu o compromiso da súa execución, mentres que a Xunta redactaría o proxecto construtivo e o Concello asumiría a titularidade da nova vía, lembrou.

Na súa intervención, Menéndez analizou tamén a última proposta que puxo enriba da mesa para esta variante o Ministerio de Fomento, na que se evidencia que a cifra de 7 millóns de euros fronte aos 21 millóns recollidos nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 será insuficiente, dixo. E engadiu, que a diferencia do compromiso asinado polas tres administracións en 2015, no que se recollía que a variante pasaría, unha vez construída, a ser de titularidade municipal, Fomento anuncia que manterá a titularidade da estrada como do Estado e asumirá o seu correspondente mantemento futuro.

Para o director da AXI, o máis grave da nova proposta de Fomento é a perda de valor do compromiso do Estado para executar as obras, por isto a Xunta de Galicia insistía tanto, cun Goberno e con outro do Estado, en formalizar o compromiso nun convenio vinculante. Deste modo, engadiu, a día de hoxe non hai ningunha garantía da súa futura execución, que no mellor dos casos será dentro de moitos anos.

Deste xeito, puxo o acento no traballo da Xunta de Galicia para asinar un convenio co Ministerio e o Concello de Ponteareas que permitiría executar con maior celeridade a variante de Ponteareas, porque obriga a comprometer o crédito orzamentario por parte de Fomento. E puxo como exemplo o acceso á Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, que cun convenio asinado en setembro de 2016 xa está en servizo, ao dispor con prazos de aprobación do proxecto, licitación e execución moito máis rápidos que os habituais nas obras do Estado.

O Director da AXI Insistiu así que desde a reunión do 6 de marzo non houbo máis novas sobre a variante de Ponteareas e lembrou que a día de hoxe a súa tramitación administrativa parte de cero. Isto implica, concluíu, que pola experiencia contrastable cos prazos de actuacións semellantes promovidas polo Ministerio de Fomento, as obras no estarán executadas antes de 10 anos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/05/2019