A Xunta destaca a importancia da transparencia na comercialización da madeira nunha xornada co sector forestal

O director de Planificación e Ordenación Forestal declarou que a tramitación das cortas xa está plenamente informatizada e cunha plataforma que permite manexar e obter información en tempo real destes traballos

Un dos principais obxectivos da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) é que a madeira e os seus derivados que se comercialicen na comunidade sexan recoñecidos pola xestión responsable e sustentable dos montes

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2019

A Xunta organizou hoxe unha xornada informativa destinada ao sector forestal sobre o regulamento europeo de comercialización da madeira. Alí explicáronse as novidades que están a aplicar as Consellerías de Economía, Emprego e Industria e do Medio Rural co fin último de gañar en seguridade á hora de traballar e comercializar os aproveitamentos forestais.

Dunha banda, a Consellería do Medio Rural está actualizando e afondando no desenvolvemento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia (Resfor), onde deben estar inscritas todas as cooperativas, empresas e industrias forestais que realizan traballos nos montes galegos e tamén aquelas industrias con sede social na Comunidade Autónoma incluíndo as de serra, chapa, taboleiros, pasta, papel, biomasa forestal, cogomelos, plantas aromáticas ou froitos pequenos, entre outras.

Por outro lado, e tal e como explicou o director de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, Medio Rural está traballando no desenvolvemento da administración electrónica que permita a todos os axentes implicados (tanto Xunta como operadores) dispoñer de toda a información para a realización de aproveitamentos forestais de xeito seguro e fiable.

Segundo declarou o responsable, con estes cambios e co “bo facer que caracteriza ao sector forestal galego” vaise acadar unha información importantísima e moi detallada da actividade forestal e, por outra banda, vaise garantir que a madeira producida en Galicia e todo o relacionado cos seus xestores cumpra co disposto no regulamento europeo. O obxectivo último é evitar a comercialización de produtos que non garantan a orixe legal, dixo o director.

A través desta actualización, a Consellería do Medio Rural pretende fomentar a transparencia neste ámbito e facilitar o cumprimento da dilixencia debida da madeira. Por iso, o director fixo un chamamento ao sector presente na xornada apelando á corresponsabilidade de todos os axentes forestais, co fin de garantir o cumprimento do marco legal vixente no sector madeireiro. Neste sentido, cómpre lembrar que en Galicia se solicitou o ano pasado a corta de 10 millóns de metros cúbicos de madeira.

Axencia Galega da Industria Forestal

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, foi o responsable de inaugurar esta xornada na que se deu a coñecer o marco normativo ao que se somete o comercio da madeira na Unión Europea e a importancia do seu cumprimento por parte de todo o sector. Así, o director da Xera, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, asegurou que se trata dunha oportunidade para a industria forestal galega, que conta con 600.000 propietarios de fincas forestais, dos que máis de 80.000 realiza vendas de forma habitual, e un total de 3000 empresas.

A aplicación desta normativa -que busca fomentar a sustentabilidade, entre outros obxectivos- permitirá que toda a cadea forestal galega poida xerar valor engadido aos seus produtos mediante prácticas éticas e responsables que contribúen ao desenvolvemento da bioeconomía.

O obxectivo final é que a madeira e os produtos dela derivados que se comercialicen en Galicia sexan recoñecidos pola xestión responsable e sustentable dos bosques. Por iso, tanto a Administración autonómica como todos os axentes implicados na cadea forestal coincidiron na necesidade de defender políticas de vixilancia contra as prácticas fraudulentas.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 14/05/2019