Medio Ambiente abre unha rolda de reunións para presentar as novidades da nova Lei de pesca aos diferentes colectivos

A directora xeral de Patrimonio Natural mantivo un encontro co presidente da Federación Galega de Pesca, Manuel Mouzo Méndez, para informalo dos trámites e contido da futura Lei de pesca fluvial de Galicia

Belén do Campo agradeceu o interese desta entidade polo texto, do que destacaron o fincapé que se fai no relevo xeracional e a posta en marcha das escolas de río

Tamén trasladaron a necesidade de implantar en Galicia o sistema de autoguiado de reos que propón a Lei, para avanzar chanzos no mesmo sentido que moitos países da Unión Europea

A directora xeral e o presidente da Federación salientaron que a nova lei presta unha atención especial á incorporación de mozos á pesca deportiva e ao desenvolvemento de actividades educativas e formativas, dous aspectos nos que xa están a colaborar, tal e como recolle o convenio de colaboración asinado entre ambas institucións e en vigor na actualidade
 

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2019-

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantivo unha reunión co presidente da Federación Galega de Pesca, Manuel Mouzo Méndez, para presentarlle as novidades e o contido da nova Lei de pesca, que foi aprobada polo Consello da Xunta recentemente. Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abre unha rolda de encontros e reunións de traballo con diferentes asociacións medio ambientais, federacións e grupos ecoloxistas, co fin de informalos de primeira man dos cambios e novidades que se introducen na Lei.

Tanto a directora xeral como o presidente da Federación destacaron que un dos aspectos máis positivos desta lei é a regulación expresa de mecanismos de colaboración e cooperación na xestión dos recursos da pesca continental, un aspecto que na lei anterior non se regulaba.

Asemade, coincidiron en que outra das eivas ás que se pretende dar resposta é ao relevo xeracional, polo que medidas como a creación das Escolas de río son unha boa ferramenta para implicar e educar aos máis pequenos na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais. A directora indicou que para avanzar neste obxectivo outra das novidades é que as persoas de idade igual ou inferior a 14 anos poderán practicar a pesca deportiva e recreativa sen necesidade de licenza, ao tempo que os menores de idade (que queiran solicitar a licenza) quedarán exentos do pago de taxas para a súa obtención.

Mouzo Méndez tamén mostrou o interese polos escenarios deportivos, sociais e de formación que se crean grazas a unha nova clasificación para as augas dos máis de 14.000 km de ríos de certa entidade. Esta medida tamén será efectiva para fomentar a pesca entre os nenos, facilitar a práctica entre a xente da terceira idade e tamén permite o adestramento aos competidores, salientou a directora.

Belén Do Campo tamén lle aclarou que outra das novidades que recolle a nova Lei de Pesca, e que situará a Galicia ao nivel doutros países europeos, é o sistema de autoguiado para os reos. Trátase de que sexa o propio pescador o que comunique á administración os datos dos reos capturados. O presidente da Federación Galega de Pesca salientou a oportunidade que representa este sistema no que tamén se demanda a implicación dos propios pescadores.

A directora xeral agradeceu o interese da Federación Galega de Pesca, así como a súa colaboración para sacar adiante esta normativa e indicou que a Consellería analizará todas aquelas alegacións e achegas que desde a Federación presenten durante o período de alegacións. Reiterou que se trata dun texto que busca aplicar medidas que garantan o relevo xeracional e o fomento da educación e sensibilización; dous aspectos nos que a Consellería e a Federación xa están a traballar, tal e como recolle o contido e as accións que se levan a cabo no marco do convenio de colaboración anual que asinan ambos departamentos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/05/2019