Medio Ambiente analiza con colectivos ecoloxistas o contido da futura Lei de pesca continental, en fase de información pública

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantivo unha reunión co secretario técnico de Adega, Fins Eirexas, para falar sobre as novidades e a tramitación da normativa, que substituirá unha lei con máis de 25 anos de vixencia

Do Campo agradeceu o seu interese polo texto e lembrou que entre os principais obxectivos da futura lei está o fomento da pesca sen morte en Galicia así como a protección dos nosos ríos, con medidas para preservar as especies piscícolas autóctonas e conservar actividades tradicionais e características dalgúns tramos

A asociación ambientalista, pola súa parte, agradeceulle á directora xeral a reunión e avanzou que están a estudar con detalle o contido do documento para trasladar as súas achegas durante o trámite de consulta específica

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2019-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda continúa coa súa rolda de contactos para presentar de primeira man o contido e as principais novidades do anteproxecto da Lei de Pesca Continental aos diferentes colectivos e entidades galegas implicados no sector. Hoxe foi a quenda da asociación ecoloxista Adega, coa que se reuniu a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, despois de que a comezos de maio se iniciaran o período de información pública e o trámite de consulta específica aos sectores directamente afectados pola lei.

Durante a xuntanza, do Campo trasladoulle que a normativa presta unha atención especial á protección dos nosos ríos, con medidas para preservar as especies piscícolas autóctonas, así como á conservación de actividades tradicionais e características dalgúns tramos. Neste sentido e co fin de mellorar e optimizar os recursos existentes, explicoulles que se redactará un Plan galego de Ordenación da Pesca Continental unha vez aprobada a lei.

Na mesma liña, a directora trasladoulle que un dos principais obxectivos da futura normativa será fomentar e promover a pesca sen morte nos ríos galegos, un criterio co que o responsable de Adega se amosou totalmente de acordo como modelo de xestión máis sustentable. Así, do Campo lembrou que a nova lei daralle un pulo a esta modalidade co fin de que coexista co modelo tradicional extractivo e acadar un equilibrio entre ambos.

Así mesmo, do Campo subliñou que outro dos obxectivos da norma é garantir o relevo xeracional para o sector da pesca fluvial a través de incentivos e exencións para os pescadores menores de idade, e do fomento da educación e sensibilización entre os mozos. Nesta liña enmarcou medidas como a creación das Escolas de río, unha nova ferramenta para implicar e educar aos máis pequenos na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais.

O secretario técnico de Adega, pola súa parte, agradeceulle á directora que se reunira coa entidade ecoloxista para explicarlle as principais novidades e os aspectos destacados da normativa actualmente en tramitación. Ao respecto, Eirexas coincidiu coa Xunta na oportunidade e conveniencia de abordar esta actualización normativa, tendo en conta que a actual Lei de Pesca ten máis de 25 anos e necesitaba dunha profunda revisión.

Así mesmo, trasladoulle que Adega segue a analizar en detalle o contido do anteproxecto desde unha perspectiva medioambiental e ten intención de presentar algunha alegación neste sentido.

Por último, a directora agradeceu o interese amosado pola entidade ecoloxista pola nova lei, así como a súa colaboración para sacar adiante unha normativa tan importante para un sector clave en Galicia e en torno á cal a Xunta buscará o máximo consenso. Neste sentido, indicou que a Consellería de Medio Ambiente analizará con interese todas as aportacións que se reciban de aquí a xuño no marco do período de información pública e tamén no trámite de audiencia da lei.

Belén do Campo continuará con esta rolda de contactos sobre o novo texto normativo nas próximas semanas, co obxectivo de seguir enriquecendo o texto coas achegas dos diferentes colectivos implicados en Galicia no sector da pesca continental. O obxectivo da Xunta é que o proxecto definitivo se poida remitir antes de que remate o ano ao Parlamento para a súa posterior tramitación e aprobación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/05/2019