A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza no río Te e nos regatos de Floxo e Batán, no concello de Rianxo

Estes traballos de mantemento lévanse a cabo no treito interurbano destes regos ao seu paso polas parroquias rianxeiras de Taragoña e do Araño

Os traballos consisten na retirada de árbores e pólas caídas sobre a canle e as marxes do río, así como da madeira morta existente

As actuacións enmárcanse no mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Centro, que desenvolve o Goberno galego

Augas de Galicia continúa traballando na mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río
 

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2019

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar os traballos de limpeza e conservación nos regatos de Floxo e de Batán e no río Te, no Concello de Rianxo.

Estes traballos de mantemento lévanse a cabo no treito interurbano destes dous regos ao seu paso polas parroquias de Taragoña e do Araño.

As obras céntranse no desbroce de maleza das marxes e que invade o leito, na retirada das árbores e pólas caídas e da madeira morta existente. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

A Xunta desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Centro e as súas zonas de acceso e protección.

Con estes tipo de intervencións Augas de Galicia traballa na mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.
 

Data de actualización: 17/05/2019